Perelló pídelles aos políticos que respecten a independencia dos xuíces
Perelló pídelles aos políticos que respecten a independencia dos xuíces
Primeira intervención pública da nova presidenta do CXPX no acto de apertura do curso xudicial
O Fiscal xeral do Estado plantexa limitar as acusacións populares
O PP recorre a lei de amnistía ante o Tribunal Constitucional
Isabel Perelló estreouse no cargo de presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial cun discurso ante o rei, autoridades e a cúpula dos xuíces.
Aos políticos pediulles que respecten o seu traballo. Segundo a maxistrada, "ningún poder do Estado pode dar indicacións nin instrucións aos xuíces e maxistrados de como teñen que interpretar e aplicar o ordenamento xurídico".
Antes dela interveu o Fiscal xeral do Estado. Álvaro García Ortiz está pendente de que o Supremo decida se o imputa ou non por suposta revelación de secretos no caso da parella de Isabel Díaz Ayuso.
Na súa intervención cuestionou o traballo de xuíces instrutores e pediu limitar as acusacións populares porque "aumentan o risco de investigacións prospectivas" e poden responder a un interese "indubidablemente perturbador".
Moitos viron nestas declaracións unha referencia velada ao caso de Begoña Gómez. A ministra de Defensa si enfoca as críticas no xuíz que instrúe a causa. Para Margarita Robles, cando o xuíz "cando o xuíz Peinado di que imos investigar todo o que fixo Begoña Gómez dende que Pedro Sánchez é presidente do Goberno, conceptualmente e desde o punto de vista da instrución dun sumario, non é aceptable".
O ano xudicial arranca en pleno debate sobre a lei de amnistía. Precisamente este xoves, o Partido Popular presentou o seu recurso ante o Tribunal Constitucional, contra unha norma que definen como "inxusta e inmoral". Segundo Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "só busca borrar delitos que foron cometidos para que un se poida manter no poder".
Será a próxima semana cando arranque no Constitucional o debate sobre a lei de amnistía.