A mellora nas prestacións de José Ángel colócao como peza chave no centro do campo
O sevillano foi o xogador máis destacado do Deportivo no mes de xaneiro
Encadea seis partidos seguidos como titular
A mellor versión de José Ángel no que levamos de temporada estase a ver despois da parada de Nadal. O centrocampista sevillano volveu con forza e encadea seis partidos seguidos como titular. É unha peza básica para Óscar Gilsanz no mellor momento do equipo esta temporada.
José Ángel perdera o oco no equipo na sétima xornada despois dun inicio de campionato irregular. Unha lesión no mes de outubro afastouno da dinámica do equipo durante mes e medio e despois custoulle ferro e fariña atopar o seu estado de forma ideal. Este chegou en xaneiro, onde foi considerado como o mellor xogador do Deportivo. Ocupou posto no equipo titular contra o Málaga, o Burgos, o Levante e o Tenerife. E estalle dando continuidade neste mes de febreiro cos 90 minutos xogados tanto en Éibar como este domingo contra o Almería.