A DXT anuncia que empregará novas tecnoloxías para controlar os xabarís nas estradas
Prevén instalar sistemas tecnolóxicos que detecten a presenza de animais como xabarís e cervos nas estradas principais
Nove treitos de estradas de Galicia, declarados de alto risco de accidente con animais
![Europa Press](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250212/xabaris.png)
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé implantar novas tecnoloxías para controlar a aparición de animais, como xabarís ou cervos, nas estradas, segundo anunciou o subdirector xeral de Mobilidade e Tecnoloxía da DXT, Francisco José Ruiz.
Despois dun novo accidente o pasado luns polo atropelo dun xabaril na autoestrada AP-9, ao seu paso por Cambre (A Coruña), que rematou con sete feridos leves, Ruiz detallou que "hai un grupo de traballo que está a ver que medidas se poden tomar".
Indicou a súa intención de recorrer a "novas tecnoloxías" e que as cámaras de Tráfico "van incorporar un sistema para detectar se hai animais nas estradas principais".
"A ver se tamén hai unha normativa europea para atopar solucións e minorar a velocidade e prestar máis atención se hai sinais de animais soltos", engadiu Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.
Blanco indicou que o Executivo central está a poñer "todos os medios posibles e colaborando coa Xunta, que é quen ten a competencia, para evitar os tráxicos accidentes".
"En casos onde detectamos zona de entrada de animais, estamos a instalar novas tecnoloxías para apartalos destas vías", expuxo.
Preguntado sobre os grupos de WhatsApp que alertan de controis de tráfico, o delegado dixo que estas conversacións "só axudan a que persoas que poden ser un perigo na estrada eviten os controis". Blanco precisou a intención de eliminar estes grupos porque e "hai que concienciar de que se alguén avisa unha persoa que non está en condicións de levar o seu coche, colabora na posible comisión dun delito".