Aparece un esqueleto humano de centos de anos de antigüidade no centro de Melide
Suponse que podería pertencer á época medieval, posiblemente aos séculos XIV ou XV
Melide escribe unha nova páxina na súa historia tras a aparición dun esqueleto humano de centos de anos de antigüidade no centro da vila.
O achado produciuse durante as obras de remodelación da rúa do Convento, un proxecto que tiña previsto rematar en agosto, pero que agora queda nun segundo plano ante a relevancia do descubrimento.
O esqueleto, de momento sen nome, apareceu case intacto no que no seu día foi un camiño.
"Agardabamos atopar algún tipo de muro ou restos da calzada, algo máis ben de tipo urbanístico, nunca unha tumba no medio da rúa", explicou Cristina Vázquez, técnica arqueóloga do Museo Terra de Melide.
O estado de conservación do corpo, que podería ter entre 600 e 700 anos, é "sorprendente". Segundo Francisco Herves, arqueólogo director da obra, trátase dun home novo duns 1,85 metros de altura, aínda que carece dos pés. Pola súa localización, suponse que podería pertencer á época medieval, posiblemente aos séculos XIV ou XV.
"A súa posición nun antigo camiño fai pensar que podería tratarse dunha persoa convicta, un apestado ou alguén que non podía ser enterrado en terreo sacro por algún motivo", detalla Cristina Vázquez.
A aparición do esqueleto convértese nunha auténtica clase de arqueoloxía a ceo aberto, atraendo a curiosidade dos veciños, asombrados pola historia que emerxe de debaixo da terra.
Os arqueólogos xa comezaron o proceso de limpeza e protección do esqueleto, que, por respecto, volverá ser enterrado despois de extraer toda a información posible.
"Aínda que o achado poida atrasar as obras, agora iso queda nun segundo plano. É unha oportunidade única para seguir escribindo a historia local", conclúe Francisco Herves.
As escavacións continuarán na rúa do Convento, pois non se descarta que poidan atoparse novos restos arqueolóxicos que ofrezan máis pistas sobre o pasado de Melide.