Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 40 hamburguesas galegas compiten para facerse co título da mellor de España

Máis de 40 hamburguesas galegas compiten para facerse co título da mellor de España

O dous de marzo pecharanse as votacións e coñeceremos a gañadora

G24.gal 12/02/2025 18:46 Última actualización 12/02/2025 19:37

Unha hamburguesa de inspiración francesa, pero con ADN galego, con produto de calidade de km 0.

"O pan que o fai A Tahona aquí na Coruña. Faino todos os días e tráemo a medio facer para que eu o poida rematar uns tres minutos no forno. E logo a carne de vaca galega. Eu traballo cunha empresa de aquí de Betanzos que ten todo o produto 100% galego", explica Hermes Castro, propietario da hamburguesería Hermes' Journey da Coruña.

Cunha traxectoria que abarca algúns dos restaurantes máis prestixiosos de España, Hermes compite coa súa última creación por facerse co Campionato de España.

É unha hamburguesa a base de queixo francés de leite cru e o tradicional picado do país galo: a duxelle.

"É unha preparación da cociña francesa tradicional que leva champiñóns, cebola, allo. E engado unha salsa maionesa de chipotle con allo negro".

Este ano compiten 480 hamburguesas. 44 son galegas. Para Hermes é o cuarto intento de facerse co título da mellor hamburguesa de España.

"Os ingredientes das hamburguesas están como moi marcados: queixo, bacon, tomate, leituga e cebola. Eu quero facer un prato: un prato con forma de hamburguesa".

O dous de marzo pecharanse as votacións e coñeceremos a gañadora. Quen sabe se desta volta o premio pode recaer na Coruña.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade