A metade dos mozos, en risco de xordeira polo mal uso dos auriculares
O volume excesivo e a exposición prolongada poden danar o oído interno
Son danos irreversibles e poden causar xordeira prematura
Na rúa, no transporte, no deporte, na biblioteca. Hai quen non quita os auriculares nin para durmir.
Os mozos entre os 12 e os 35 anos son os que máis os empregan e tamén os que máis risco corren de perder audición antes de tempo. Non por usalos, senón por usalos mal, a moito volume durante moito tempo.
"Moitos mozos están expostos durante longos períodos de tempo a sons de máis de 80 ou 90 decibeles, e iso dana o oído. O normal sería non superar os 60 decibeles, que son os ruídos normales da vida", explica Andrés Soto Varela, xefe de Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS.
O aviso de volume excesivo ou o sistema de cancelación de ruídos poden axudar a facer un mellor uso destes dispositivos. E cómpre tomar en serio esta alerta, porque os danos no oído interno son irreversibles.
"A deterioración auditiva que hoxe vemos en persoas de 70 ou 80 anos, o veremos nunhas décadas en xente de 50. O dano no oído interno por ruído interno é irreversible", engade Andrés Soto.
As discotecas e os concertos en espazos pechados son outras das fontes de ruído intenso que poden acabar en xordeira prematura. Un ocio pasado de decibeles sobre os que os expertos poñen o foco neste Día Mundial do Coidado do Oído.