A Policía confirma dous mortos e varios feridos nun atropelo na cidade alemá de Mannheim
O autor do atropelo, que non tivo trasfondo político, é un alemán de 40 anos
O vehículo atropelou viandantes ao longo de varios centos de metros
Dúas persoas morreron na cidade alemá de Mannheim tras un novo atropelo masivo. Aconteceu nunha das principais rúas comerciais da cidade. As cámaras de seguridade captaron o momento en que o vehículo se achegaba á zona a toda velocidade e o son do primeiro impacto.
Segundo testemuñas, o vehículo percorreu centos de metros levando viandantes por diante. O condutor está detido. É un cidadán alemán de 40 anos: segundo a prensa xermana, non ten antecedentes por extremismo, aínda que si presentara no pasado sinais de posibles trastornos psíquicos.
O voceiro da policía de Mannheim confirmou que o home actuou en solitario e traballa sobre a hipótese de que o suceso non ten motivación política.
Ademais dos dous falecidos, hai dez feridos, entre eles un neno. Cinco dos ingresados están graves.
É o terceiro atropelo masivo en Alemaña en menos de tres meses: nos outros dous casos, os autores foron un demandante de asilo afgán e un refuxiado saudita simpatizante da extrema dereita.
As autoridades tamén pediron á poboación que abandonase a zona do atropelo para non dificultar as tarefas policiais.
A Policía acordoara a zona cun gran dispositivo, acompañado de numerosas ambulancias, segundo as imaxes da televisión NTV.