A ministra de Defensa di que Navantia está cumprindo o programa de construción das F-110
A ministra de Defensa di que Navantia está cumprindo o programa de construción das F-110
A execución das fragatas garante carga de traballo para Navantia Ferrol para a próxima década grazas a un montante de 4.325 millóns de euros
A ministra de Defensa, Margarita Robles, asegurou este xoves que é unha "moi boa noticia para a Armada" que o programa construtivo das fragatas F-110 se vaia "cumprindo" no estaleiro de Navantia.
Robles visitou Ferrol para coñecer os avances da execución da súa primeira unidade. En declaracións aos medios, sinalou que os operarios están a traballar xa con 12 dos 33 bloques que conformarán o buque e destacou que é "unha satisfacción poder estar aquí" ao ser este proxecto "unha aposta do Ministerio de Defensa moi importante para a Armada".
"Esta era unha aposta do Ministerio de Defensa, moi importante para a Armada española, a construción destas cinco fragatas F-110, pero tamén para Ferrol, porque a Armada e Ferrol van intimamente unidas, e este programa é esencial. Teño que dicir que estou moi satisfeita", explicou Robles.
Robles reivindicou o "compromiso do Ministerio de Defensa e a Armada con Ferrol" e coa creación de "postos de traballo" grazas a este contrato.
A execución das fragatas F-110 para a Armada española garante carga de traballo para Navantia Ferrol para a próxima década grazas a un montante de 4.325 millóns de euros.
Ademais, a ministra considerou que permitirá "modernizar a Armada" para que sexa "un exemplo no mundo" e agradeceu a contribución de Navantia e o "apoio que temos da cidadanía" para sacar adiante o plan.