Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goberno e Generalitat dan os primeiros pasos para a transferencia dos impostos a Cataluña

Goberno e Generalitat dan os primeiros pasos para a transferencia dos impostos a Cataluña

Montero está convencida de que as comunidades do PP aceptarán a condonación da débeda

Sumar, contrario a perdoar débeda da Comunidade de Madrid mentres baixen impostos

G24.gal 28/02/2025 14:59

O Goberno central e a Generalitat acordaron este venres dar os primeiros pasos para transferir a xestión de todos os impostos, comezando polo de matriculacións e o IRPF.

Tamén negocian unha ampliación dos Mossos d'Esquadra. O obxectivo é chegar aos 25.000 efectivos en 2030. O ministro do Interior afirma que isto non minguará a presenza doutros corpos en Cataluña. "Nunca houbo e nunca haberá unha estratexia para sacar a Policía Nacional e a Garda Civil", afirmou Fernando Grande-Marlaska.

Confirmou, ademais, que seguen as negociacións con Junts para transferir competencias en inmigración. Pola súa parte, o ministro de Exteriores traballa para que o catalán sexa oficial nas institucións europeas. "Hoxe estamos moito máis preto que onte", dixo José Manuel Albares nunha entrevista en TV3.

O que si está pechado é o perdón de 17.000 millóns de euros da débeda de Cataluña, como se lle prometeu a Esquerra, e a pesar do choque coas comunidades do PP. Aínda así, María Jesús Montero non ten "ningunha dúbida de que a totalidade de comunidades autónomas do PP se van acoller á condonación". 

Pero Sumar ten reparos. Ernest Urtasun, ministro de Cultura, considera que non se pode condonar a débeda da Comunidade de Madrid "mentres elimina o imposto de patrimonio e o de sucesións".

Polo momento, as comunidades do PP seguen rexeitando a medida. "A ningún español lle condonan nin o imposto da renda, nin o IVE, nin o de sociedades, aínda que voten a Sánchez, aos independentistas e separatistas, si", insistía ante a prensa Juan Bravo, vicesecretario de Economía do PP. 

Á número dous de ERC, Elisenda Alamany, non lle preocupa que os populares recorran ao Constitucional. "Pasan os anos e continúan instalados na catalanofobia", dixo a republicana nunha entrevista en Ser Catalunya.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade