A Autoridade Fiscal pide que a condonación da débeda vaia vinculada a unha reforma do financiamento autonómico
A Autoridade Fiscal pide que a condonación da débeda vaia vinculada a unha reforma do financiamento autonómico
A AIReF cuestiona a medida tal e como a formula o Goberno e quere que se inclúan condicións para as comunidades que se acollan a ela
A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), o órgano oficial encargado de garantir a sostibilidade das finanzas públicas, considera que a condonación parcial da débeda é un paso para que as comunidades poidan volver aos mercados, pero di que é insuficiente e arriscado se non se lles impoñen condicións.
Así o expuxo a súa presidenta na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. Cristina Herrero pediu que a medida se vincule ao cumprimento das regras fiscais. Di que non ten sentido facer unha quita de 83.000 millóns, se non se garante que as autónomas non se van seguir endebedando por enriba do permitido.
Tamén reclama que se recupere a cláusula que impide que as comunidades que agora reciban os cartos poidan ser rescatadas polo Estado a través do Fondo de Liquidez Autonómica, como pasou na crise de 2008. E critica que o Ministerio de Facenda premie na repartición dos cartos as autonomías que subiron o IRPF.
Ademais, considera imprescindible que a condonación da débeda se faga de forma simultánea a unha reforma estrutural do sistema de financiamento autonómico, algo que o Goberno non puxo sobre a mesa.
A AIReF pide que estas condicións figuren no acordo. A ministra de Facenda abriu a porta a incorporar algunha delas durante a tramitación parlamentaria.