Publicador de contidos

Publicador de contidos

Blanco, a Rueda: "O sentidiño di que debe aceptar a condonación da débeda"

Blanco, a Rueda: "O sentidiño di que debe aceptar a condonación da débeda"

O delegado do Goberno pídelle ao presidente da Xunta que "recapacite" e afirma: "Non sería explicable rexeitar a quitación"

Sobre o traspaso da AP-9, Pedro Blanco asegura: "Máis que o feito de ser titular da autoestrada nós estamos pola gratuidade; iso é o que nos interesa"

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, nunha entrevista este venres no 'Bos días' da TVG
G24.gal 28/02/2025 10:57

O delegado do Goberno en Galicia pídelle ao presidente da Xunta e ao Partido Popular "que recapaciten" e acepten a condonación da débeda.

Segundo Pedro Blanco, a condonación dos 4.010 millóns de débeda de Galicia poderían empregarse para "moitísimas cousas", entre elas, reforzar os servizos públicos e incrementar as políticas de vivenda.

Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, Blanco indicou que, no caso de non aceptar a quitación, o PP terá que explicarse ante a cidadanía: "O PP debería recapacitar e aplicar a máxima que usa Rueda do sentidiño. O sentidiño di que deben aceptar a condonación da débeda".

O delegado do Goberno recalcou que o executivo central está "implicado" en buscar solucións que faciliten o acceso da mocidade a unha vivenda.

Salientou que dous de cada tres euros que se invisten en vivenda pública en Galicia veñen do Goberno de España e pídelle á Xunta que invista "fondos propios" par que o Bono Alugueiro chegue a máis beneficiarios.

"Na última convocatoria houbo 1.800 beneficiarios do Bono Xoven, pero quedaron moitos fóra porque non se complementaron as cantidades. Temos o instrumento, temos os fondos pero trátase de ter vontade política".

"Estamos pola gratuidade da AP-9"

O delegado do Goberno é partidario de seguir traballando para conseguir a gratuidade e non tanto por acadar o traspaso da AP9. "A min como usuario o que me interesa é que non nos custe cartos", asegura.

Blanco recalca que o executivo Sánchez foi o primeiro que conseguiu unha bonificación do 50 % para os usuarios recorrentes, que se elevou xa ata o 75 %. O obxectivo, dixo, "é chegar á gratuidade do 100%".

O delegado do Goberno saúda a elección de Cristóbal Medeiros como novo secretario xeral de UXT Galicia, en substitución de José Antonio Gómez.

Blanco salienta que Medeiros achega "savia nova" e "moitas ganas de traballar". Afirma que é unha persoa "dialogante e capaz de chegar a acordos" e confía, que con el, UXT Galicia poda volver ser "a primeira forza sindical de Galicia".

De cara ao congreso do PSdeG de marzo que revalidará o liderado de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral, Pedro Blanco amósase optimista. Confía en que de aí saia un "proxecto ilusionante, de futuro e de país" que permita "recuperar a confianza dos galegos" de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade