A ministra de Traballo trata de pechar a suba do salario mínimo cos líderes sindicais
A ministra de Traballo trata de pechar a suba do salario mínimo cos líderes sindicais
A CEOE volve plantar ao Goberno e pídelle que lles diga a cifra "e xa está"
O novo SMI situarase arredor dos 1.080 euros mensuais
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, reúnese cos secretarios xerais de UXT, Pepe Álvarez, e de CCOO, Unai Sordo, para intentar pechar un acordo sobre a suba do salario mínimo interprofesional (SMI).
A reunión prodúcese despois da celebrada esta mañá entre o secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez Rey, e os equipos técnicos dos sindicatos sobre o incremento do SMI, actualmente nos 1.000 euros brutos en 14 pagas, para este ano.
O obxectivo desta xuntanza, que non estaba na axenda do Goberno, é tratar de desbloquear a situación, logo de que na xuntanza deste martes á mañá non houbese acordo.
Os sindicatos reclaman que a suba chegue ata os 1.100 euros, mentres que Díaz defende situalo arredor dos 1.080 euros.
A ningunha destas xuntanzas asistiron os empresarios. A CEOE volveu plantar ao Goberno. Din que non se dan as condicións para negociar. O presidente dos empresarios asegura que non asistiron porque non teñen ningunha proposta do Goberno e que non van "ir a unha xuntanza só para unha foto".
Garamendi arremete contra as formas do Executivo ao que lle pide "que nos dea a cifra e xa está".
Os empresarios propoñían limitar a suba do SMI aos 1.040 euros, o que representa un incremento do 4 por cento. Din que esta cifra é a que mellor garante o equilibrio entre os intereses dos traballadores e das empresas.