Publicador de contidos
Publicador de contidos

A mostra de obras do alumnado da escola de canteiros de Poio despide o derradeiro ano sen titulación oficial

A mostra de obras do alumnado da escola de canteiros de Poio despide o derradeiro ano sen titulación oficial

G24.gal 15/06/2024 14:49

A derradeira promoción da Escola de Canteiros de Poio expuxo a súa obra escultórica no Mosteiro de San Xoán de Poio. No vindeiro curso converterase nun centro integrado de FP con titulación homologada. Moitos dos alumnos que participaron nesta mostra continuarán na escola nalgún dos catro novos ciclos de Formación Profesional para o curso 2024-2025.   

Remata o curso na Escola de Canteiros de Poio e as obras de fin de curso dos alumnos expóñense por primeira vez no Mosteiro de San Xoán de Poio, onde hai máis de corenta anos iniciara a súa historia a escola de canteiros e mosaicos. De feito no claustro hai unha exposición permanente con obra da escola. Escultura en escaiola máis en pedra, debuxos sobre papel e cantería tradicional na exposición 'Arias Xidas', que quere dicir, como cando usaba a expresión Celso Emilio Ferreiro, "as pedras perfectas"  

"A pedra conéctame moito coa miña terra, e ademais diso permíteme explorar todo o interno e sacalo en algo que se vai manter ao largo dos anos, iso é algo que vai perdurar no tempo", di María González, artista da pedra. 

"A pedra éncheme espiritualmente, permíteme unha certa paz, unha satisfacción xeral ao traballala. Así que de todos os materiais cos que quedo é coa pedra", conta Helena Díaz, tamén artista da pedra. 

O conselleiro de Educación e a directora xeral de FP quixeron despedir, coa súa presenza na exposición, a antiga escola para recibir a andadura na nova, a mesma mellorada, con máis alumnos e a posibilidade de estudar formalmente nun dos catro módulos de FP que ofrecerán o ano que ven en Poio.

"É o que queremos é que esta escola siga sendo en esencia o que foi sempre, un dos sinais de identidade dos traballos de cantería de Galicia, pero que tamén deu un salto cara á especialización, para formar profesionais para ámbitos tan necesitados de profesionais no ámbito da pedra, de cantería e da obra civil", explica Román Rodríguez, o conselleiro de Educación, Universidades e FP.

O prazo para matricularse na Escola de Canteiros de Poio como centro xa integrado de FP remata o 4 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos