A nai de Dani Alves difunde imaxes da moza que denunciou o futbolista por agresión sexual
A nai de Dani Alves difunde imaxes da moza que denunciou o futbolista por agresión sexual
Tanto a avogada da moza como a Fiscalía estudan accións legais contra Lucía Alves por revelar a identidade da vítima
A Fiscalía de Barcelona estuda a difusión de imaxes da moza que denunciou a agresión sexual cometida presuntamente por Dani Alves, despois de que a nai o exfutbolista revelase a súa identidade nas redes sociais.
Lucía Alves, nai do exfutbolista Dani Alves, que permanece en prisión desde o 20 de xaneiro de 2023 acusado dun delito de agresión sexual, compartiu na súa conta de Instagram un vídeo que mostra imaxes da vítima, de quen revela a súa identidade e ofrece datos persoais acusándoa de querer fama e diñeiro. Nese vídeo, a moza sae bailando e celebrando os seu aniversario.
Tras a publicación desas imaxes, a avogada da muller que denunciou a Alves anunciou que tomará medidas legais contra todas aquelas persoas que difundan imaxes súas ou información que permita identificala.
"É lamentable que, a día de hoxe, se siga tentando destruír as persoas que se atreven a denunciar", asegura o comunicado.
O xuízo a Alves comezará previsiblemente o próximo 5 de febreiro na Audiencia de Barcelona.
A Fiscalía de Barcelona pide para o exinternacional brasileiro nove anos de prisión, ademais de dez anos de liberdade vixiada e unha indemnización de 150.00 euros para a vítima, mentres que a acusación particular eleva a doce anos a petición de cárcere, a pena máxima establecida no Código penal por un delito deste tipo.