Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Tribunal Superior de Cataluña absolve a Dani Alves da agresión sexual pola que fora condenado

O Tribunal Superior de Cataluña absolve a Dani Alves da agresión sexual pola que fora condenado

A sentenza sinala "unha falta de fiabilidade no testemuño da denunciante", e ante as insuficiencias probatorias acorda unha resolución absolutoria

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, pediu non cuestionar "permanentemente a voz das mulleres" tras coñecerse a absolución do futbolista

Dani Alves (Nacho Doce/Reuters)
G24.gal 28/03/2025 11:14

A sección de apelacións do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña revogou por unanimidade a sentenza que condenou o ex-xogador do F. C. Barcelona Dani Alves a 4 anos e 6 meses de prisión por agresión sexual a unha moza nunha discoteca en 2022.

No auto, consultado por Europa Press, estima o recurso do deportista e desestima o da Fiscalía, que mesmo pedía aumentar a pena a 9 anos de prisión.

A sentenza sinala "unha falta de fiabilidade no testemuño da denunciante" e precisa que ante as insuficiencias probatorias acorda unha resolución absolutoria e deixa sen efecto as medidas cautelares que foran acordadas.

A Fiscalía de Barcelona está a analizar a sentenza que absolve ao futbolista para decidir se a recorre ante o Tribunal Supremo, informaron fontes do Ministerio Público.

Credibilidade e fiabilidade

Argumenta que a sentenza de instancia utiliza o termo credibilidade como sinónimo de fiabilidade "e non o é", posto que a credibilidade responde a unha crenza subxectiva, que non se pode contrastar, asociada a quen presta declaración, mentres que a fiabilidade, en cambio, afecta á declaración en si mesma.

Sinala que se tomou o testemuño da moza como medio de proba que, despois, para obter unha maior fiabilidade "necesita da corroboración", que se produce da valoración conxunta de todos os elementos probatorios.

Con todo, sinala que a exposición que realiza o tribunal de instancia na súa resolución presenta "baleiros, imprecisións, inconsistencias e contradicións sobre os feitos, a valoración xurídica e as súas consecuencias", chegando a recoñecer que a versión da denunciante non se corresponde co que se observa nas cámaras de seguridade.

Así, mentres que a moza manifestou "en todo momento a súa incomodidade coa conduta do acusado", a gravación do episodio revela unha situación ben distinta, recoñeceu o tribunal de instancia.

"Consideramos que a diverxencia entre o relatado pola denunciante e o realmente sucedido compromete gravemente a fiabilidade do seu relato", subliña a Sección de Apelacións do TSXC.

A agresión e o consentimento

Segundo o tribunal, a sentenza de instancia entra en contradición sobre a forma en que se produciu a agresión sexual no interior do baño, dado que primeiro relaciona unha ferida no xeonllo da vítima cunha penetración vaxinal inconsentida e despois cunha felación que non dá por probada, e que non despexa como se produciu a violencia.

Ademais, a Sección de Apelacións engade que a ferida que presentaba no xeonllo "puido producirse no pequeno espazo de moitas formas, como admiten todos os forenses e profesionais".

Sobre o consentimento, a Sección de Apelación argumenta que o tribunal de instancia optou por acollerse a unha "crenza subxectiva" do que ocorreu no interior do baño de Sutton limitándose unicamente a que a penetración vaxinal foi inconsentida, como sostén a denunciante.

O tribunal de instancia xustifícao alegando que "pode modificarse o consentimento para manter a relación sexual en calquera momento" e aventura na súa resolución posibles razóns polas cales a denunciante puido faltar á verdade para explicar os desaxustes no seu relato.

Con todo, a Sección de Apelacións afea ao tribunal de instancia que non explique na súa sentenza por que se pode aceptar para soster unha condena "un relato non verificable con proba periférica" e con orixe nun testemuño que resultou ser non fiable na parte do relato que se pode contrastar.

"Por fin se fixo xustiza"

A avogada de Dani Alves, Inés Guardiola, celebrou a absolución deste venres da sentenza que condenou ao exfutbolista a 4 anos e 6 meses de prisión pola agresión sexual a unha moza na discoteca Sutton en decembro de 2022: "Por fin fíxose xustiza".

"Estou con Dani Alves. Estamos moi felices. É inocente. Demostrouse. A xustiza xa falou", dixo nunha entrevista en Rac1 recollida por Europa Press, onde explicou que tanto ela como Alves esperaban a absolución.

Afirmou que aínda non se puido ler a "extensa" sentenza e sabe que non é firme. Preguntada por se ten previsto pedir algunha indemnización, expresou que aínda non pode dicilo.

Reaccións tamén desde o ámbito político. A vicepresidenta primeira do Goberno María Jesús Montero, quixo este venres ser "prudente" á hora de reaccionar á decisión porque non leu a resolución do tribunal, pero en todo caso quixo remarcar a súa "solidariedade con todas as mulleres que son vítimas de malos tratos, de abuso físico ou psicolóxico".

Máis contundente foi a ex ministra de Igualdade con Podemos Irene Montero. 

"É un claro exemplo de violencia institucional e de xustiza patriarcal". "A sentenza que absolve a Dani Alves alegando que a vítima non é crible é un claro exemplo de violencia institucional e de xustiza patriarcal que desprotexe ás mulleres e, como di a ONU, mantén a cultura de impunidade dos agresores. Unha e mil veces: só si é si", asegurou Montero nunha mensaxe na rede social X.

Redondo pide non cuestionar a voz das mulleres

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, pediu non cuestionar "permanentemente a voz das mulleres" tras coñecerse a absolución do futbolista.

Sinalou que Alves "cambiou ata en cinco ocasiones a súa versión" e, pola súa banda, a denunciante mostrouse "coherente" e "sen contradicións relevantes" durante o xuízo.

"Non se pode estar permanentemente cuestionando a voz das mulleres e que cando hai dúas palabras, a que vale máis sexa a do home", incidiu a ministra, para quen iso é o que "temos que expornos como sociedade", partindo sempre de que "o respecto ás decisións xudiciais é o principio básico".

Isto é algo que "xa pasou á historia" porque a lei "respecta, protexe e avala o que unha muller está a dicir como veraz", segundo a ministra, para quen fallos como este dan "unha mal mensaxe" á cidadanía deste país.

"Elas teñen que poder denunciar e saber que a súa voz e a súa palabra é crible e avalada pola lei", continuou.

Neste caso en concreto, hai na súa opinión elementos que deberían ser valorados, como o feito de que a denunciante "saíu chorando do baño e falou con determinadas persoas".

A ministra considerou que os poderes do Estado "teñen que estar á altura do avance do feminismo e das mulleres na igualdade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade