Publicador de contidos
Publicador de contidos

A neve complica o tráfico e deixa máis de 7.000 nenos sen clase

A neve complica o tráfico e deixa máis de 7.000 nenos sen clase

Tráfico limitado en varias estradas secundarias e cortes puntuais na A-6

Máis de 7.000 nenos e nenas non puideron ir ao colexio

Foi necesario rescatar condutores e auxiliar camións durante a xornada

Mellor situación no interior das provincias atlánticas

G24 18/01/2023 20:03

Estaban avisados, pero aínda así a neve colleu máis dun condutor por sorpresa cruzando Lugo. A Garda Civil tivo que acudir ao rescate dun vehículo atrapado no alto do Poio.

E tamén houbo que auxiliar varios camións con problemas para volver arrincar na área de descanso de Pedrafita.

Neste punto, a autovía A-6 chegou a estar cortada a primeira hora. O tráfico restableceuse pero non foi un día doado para os transportistas obrigados a desviárense tras a caída do viaduto do Castro.

"Aí como quedemos un para arriba que non dea andado xa quedamos todos parados", contaba un camioneiro.

Máis de 7.000 os alumnos e alumnas sen colexio

As nevaradas que caeron sobre a montaña lucense obrigaron a pechar 33 colexios. Case 4.000 nenos e nenas quedaron na casa por esta razón e pola suspensión dalgúns servizos de transporte.

Sumados aos das zonas afectadas de Ourense, son máis de 7.000 os alumnos e alumnas sen aulas nesta xornada.

En Becerreá, volveron ver as folerpas dous anos despois.

Un traballador do concello contaba: "Viñamos traballar e, de súpeto, caeu toda a neve. Viñemos igual, pero moitos colegas tiveron que quedar na casa, porque viven nas poboacións de arriba".

Lugo, de branco

E tamén un manto branco volveu adornar a muralla de Lugo. Os operarios do concello tiveron que empregarse a fondo para eliminar as traizoeiras placas de xeo.

"Case vai un como se tivese 80 anos, que esvaras e podes magoarte", conta un lucense.

Un boneco de neve toma o sol na muralla de Lugo. Un boneco de neve toma o sol na muralla de Lugo.

Houbo unha colisión de tres vehículos sen danos persoais e suspendéronse dúas liñas de bus que circulan por treitos empinados da capital.

"Eu, esta mañá, superemocionada cando a vin. Ademais, empezou a caer!", contaba unha moza, emocionada ante a súa primeira nevarada.

A muralla, tinguida de branco pola nevarada. A muralla, tinguida de branco pola nevarada.

Volta lenta á normalidade nas estradas ourensás

Foi unha mañá do mércores moi complicada para circular polas estradas da provincia de Ourense. 

"Tivemos que facer un desvío de camións na A-52 e escoltar un cento deles desde a provincia de Zamora", explica un garda civil de Tráfico.

Pero as dificultades persistiron nas estradas de montaña a pesar do paso continuo de máquinas quitaneves.

Accesos complicados ás aldeas

Na que vai a Trives rexistráronse varios accidentes, case todos, saídas de vía sen consecuencias persoais.

"Un coche que viña detrás freou e atravesouse na estrada e eu para esquivalo saín fóra", conta un dos moitos condutores afectados.

O acceso a algunhas aldeas de montaña era case imposible.

"Non se pode saír das aldeas e ademais da neve hai xeo, é moi difícil e perigoso", contaba un veciño da montaña ourensá".

Tarde con menos incidencias

Pero pola tarde a situación mellorou e a paisaxe de coches accidentados deixou paso a outra de xente que subía a gozar da parte boa do temporal.

O alto do Rodicio era un enxame de familias con nenos que pasaban a tarde na neve.

"Co tempo que estamos tendo e cunha nena pequena que non coñecía a neve, isto é un agasallo de Deus", contaba emocionado un pai.

Unha familia goza da neve. Unha familia goza da neve.

Cativada sen cole

Non puideron ir á clase 3.265 nenos da montaña ourensá. Quince centros suspenderon totalmente as clases e 54 viron alterada a actividade lectiva pola supresión do transporte escolar.

Cualedro foi un dos concellos onde houbo problemas para ir ao cole a pesar de que as máquinas quitaneves non pararon de limpar os accesos á localidade.

"As estradas non estaban para andar arriscando. E os autobuses son vehículos moi pesados que non se manexan ben con neve", explicaba Luciano Rivero, o alcalde de Cualedro.

O transporte escolar volverá funcionar este xoves con normalidade onde estivo suspendido.

Precaución no sur de Ourense

Durante a tarde do mércores desactiváronse os puntos de tráfico condicionado na OU-533 e na A-52.

E aínda que coa suba da cota de neve a 800 metros mellorou a situación nas estradas, a Dirección Xeral de Tráfico segue recomendando circular con moita precaución polas do sur de Ourense e nas que comunican a provincia con Zamora.

Hai risco de que se formen placas de xeo ao caeren as temperaturas por debaixo dos cero graos en moitos lugares.

Desactivados os avisos por acumulación de neve en Pontevedra e A Coruña

Nas provincias atlánticas xa non quedan avisos por acumulación de neve. A situación xa estaba normalizada en tanto que a neve só callou nas zonas altas.

No concello de Rodeiro, situado aos pés do Monte Faro, non houbo problemas para circular, nin tampouco no concello de Dozón, que está relativamente preto. Son dous dos puntos máis altos da provincia de Pontevedra.

Sen problemas para ir ao cole

Tampouco tiveron maiores problemas os rapaces para acudir á escola. E é que non houbo grandes atrancos para circular pola rede viaria.

Agora o peor é o frío. En Rodeiro, a mínima foi de 0 graos, pero a sensación térmica foi de menos 6 graos. E as máximas tamén tremeron, foron moi poucos os lugares das provincias atlánticas que superaron os 10 graos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade