A nova edición do festival Cineuropa homenaxea os musicais
A nova edición do festival Cineuropa homenaxea os musicais
A 36ª edición do certame desenvólvese entre 4 e 20 de novembro
Proxectaranse 126 películas, a maioría sen estrear en Galicia
Entregaranse premios a Ana Belén, Charo López, Lois Patiño e João Pedro Rodrigues
Case 130 películas de 30 países, a maioría sen estrear aínda en Galicia, conforman o cartel da nova edición de Cineuropa, o festival de cinema de Santiago.
Esta trixésimo sexta edición homenaxea o cinema musical baixo o lema 'Que marabillosa sensación' e a película de apertura será 'Unha linda mañá', da realizadora francesa Mia Hansen-Love.
Cineuropa ofrecerá unha ampla selección das mellores películas que se proxectaron este ano nos máis prestixiosos festivais. Entre elas, as dos directores Park Chan-Wook, Rodrigo Sorogoyen ou Rebecca Zlotowski.
No Panorama Audiovisual Galego, 18 pezas e máis 11 curtametraxes, entre elas o filme de animación 'Os demos de barro', 'Removendo a terra' ou 'Anatomía dunha serea'. Entrarán a concurso 11 filmes realizados por novas e novos cineastas.
O festival estenderase ata o 30 de novembro e outorgará premios de honra ás actrices Ana Belén e Charo López e aos directores Lois Patiño e João Pedro Rodrigues.