A nova Lei de igualdade de Galicia remitirase antes de abril ao Parlamento
A nova Lei de igualdade de Galicia remitirase antes de abril ao Parlamento
A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade asegura que a futura norma poñerá o foco no "benestar laboral"
María Jesús Lorenzana considera que o 8-M deste ano é "peculiar" pola "división que por desgraza temos no feminismo"
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou na Radio Galega que a nova Lei galega de igualdade se remitirá ao Parlamento entre finais de marzo principios de abril. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana nas vésperas do Día da Muller, María Jesús Lorenzana explicaba en relación á futura norma que "está practicamente finalizada a tramitación na fase previa antes de aprobala no Consello da Xunta" e só está pendente do informe do Consello Económico e Social e da Asesoría Xurídica da Xunta para logo remitirlla ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación. Engadiu ademais que agarda chegar a acordos cos distintos grupos parlamentarios sobre esta futura lei.
"Neste primeiro trimestre, ao sumo no mes de abril, debería entrar no Parlamento de Galicia para a súa tramitación"
María Jesús Lorenzana explicou que o seu obxectivo é que sexa unha lei que recolla todas as sensibilidades das mulleres galegas, de todos os sectores; "moderna" e que inclúa os aspectos recollidos nos convenios internacionais como a "discriminación múltiple" e que lle dea moita importancia ao "benestar laboral". Segundo afirmou, aí inclúense conceptos como "conciliación" e "corresponsabilidade", pero -indica- "vai máis aló" e "supón que as empresas entren nunha nova era onde deberían racionalizar os tempos de traballo, flexibilizar as xornadas e incorporar todos os elementos para que as persoas que traballan nesa compañía estean fidelizadas nesa compañía porque se encontran a gusto no traballo".
Feminismo dividido no 8-M
A tres días para a celebración do 8-M, María Jesús Lorenzana opina que a celebración este ano será "peculiar" pola "división que temos, por desgraza, neste país co feminismo". Unha fractura que a conselleira lle atribúe directamente ao Goberno de coalición e "propia das ideoloxías". Non só iso senón que para a conselleira de Igualdade, ¨é unha desgraza para o feminismo despois dos avances que levabamos conseguido que actualmente nos atopemos nesta situación.
"É un 8-M creo que peculiar porque é a primeira vez, despois da pandemia, que se observa con tal claridade a división que temos actualmente, por desgraza, neste país no feminismo. Eu penso que o Goberno actual e a coalición actual teñen provocado eles directamente na sociedade esa fragamentación, unha fragmentación que é propia das ideoloxías".
Lei do só si é si e lei trans
A conselleira de Igualdade considera que unha "mostra clarísima do fraccionamento" que se está vivindo no feminismo é debida á situación xerada pola denominada lei do só si é si, a lei Integral de liberdade sexual, e os "efectos indesexados" que, segundo o presidente do Goberno, ten xerado. Lorenzana opina que a gravidade non é tanto o erro senón non corrixilo. De feito, considera que "esta lei é probablemente a peor lei da democracia en España" e engade que "é unha vergoña mesmo a nivel internacional que isto estea sucedendo no noso país, repito, porque non se rectifique e porque -por unha banda- o Ministerio de Igualdade estea aí apancado nesa ideoloxía".
Ante as preguntas pola coñecida como lei trans, a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos LGTBI que entrou en vigor este mes de marzo, Lorenzana opinou que "hai falta de seguridade xurídica e non se está poñendo ou valorando ou protexendo adecuamente as pesroas, e neste caso as persoas menores".
Emprego
María Jesús Lorenzana, que é conselleira de Promoción do Emprego, avaliou positivamente os datos do paro rexistrado en Galicia correspondentes ao mes de febreiro e fixo fincapé en que "non é un mes especialmente bo para o desemprego". Mesmo dixo que "estamos recuperando ben dende logo despois da crise pandémica e tendo en conta a situación actual". A continuación avanzou a intención do seu departamento de "deixar instalado nesta lexislatura" un novo sistema "con intelixencia artificial" para "casar oferta e demanda" de emprego. É dicir, explicou, "atopar que é o que as empresas están buscando para equilibrar o mercado laboral". Mesmo anunciou que de "aquí ao mes de xuño comezaremos coas tres primeiras oficinas piloto incorporando este sistema".