Publicador de contidos

Publicador de contidos

A nova lavandería da Fundación Hospitalarias Betanzos dá emprego a 16 persoas con discapacidade

A nova lavandería da Fundación Hospitalarias Betanzos dá emprego a 16 persoas con discapacidade

O pasado 20 de marzo inaugurouse como un centro especial de emprego

G24.gal 25/03/2025 14:09

"Veño traballar ás once. E veño moi contenta, con alegría e emoción", di Bea, unha das traballadoras da nova lavandería da Fundación Hospitalarias Betanzos.

Unha lavandería que hai tan só cinco días que se inaugurou como un centro especial de emprego.

"Hai 21 anos abrimos unha lavandería como un obradoiro ocupacional para darlles unhas habilidades os usuarios da residencia. Pero co paso do tempo foi medrando e obrigounos a dar o paso e converternos nun centro especial de emprego", explica Fernando Tellería, o responsable do centro.

 "A verdade é que aquí póñeno todo moi doado. Se queres aprender, complicado non hai nada", di outra das traballadoras.

Na lavandería traballan 18 persoas, 16 delas con discapacidade. Son as encargadas de clasificar, lavar, secar e pasar o ferro ás prendas. Só o ano pasado aquí moveron case 200.000 quilos de roupa.

É xa un referente para o sector sociosanitario e, na actualidade, os clientes externos supoñen a metade do seu mercado.

"Chega moita roupa e cada día temos máis clientes: temos hoteis, restaurantes, o Sergas e tamén clientes privados".

Sole é, desde hai anos, un deses clientes.

"Un servizo moi bo, con xente traballadora, a roupa queda perfecta, lévala á casa como se a mercases nova. Estou moi contenta".

E así é como se amosan tamén outros traballadores.

"Dei un paso adiante. Ao principio estaba tensa, pero agora xa non. Agora estou moi contenta aquí". "O que máis me gusta facer é estar coa xente, atender os clientes. Todo, todo, a verdade é que somos unha pequena familia. Ou unha gran familia segundo o queiras ver".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade