A ocupación hoteleira na Ribeira Sacra supera o 85 % durante a ponte
A ocupación hoteleira na Ribeira Sacra supera o 85 % durante a ponte
Nas casas de turismo rural poderían acadar o 100 % ata o domingo
En só tres anos aumentáronse 2.000 prazas hoteleiras
Mosteiros, igrexas, miradoiros, adegas..., todos os lugares de interese turístico da Ribeira Sacra rexistran unha importante afluencia de visitantes no que vai desta ponte de santos. Sen dúbida, os máis beneficiados son os establecementos de hostalería. Especialmente, os que ofrecen camas. Nas casas de turismo rural están en case un 100 % de ocupación e no resto de opcións supérase amplamente o 80 %.
"A ocupación porcentual é moi boa porque hai que ter en conta que ampliamos moito o número de prazas en moi pouco tempo. Concretamente, 2.000 dende 2021", di Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
A meirande parte dos visitantes desta ponte proceden de fóra de Galicia e fan unha estadía media de tres noites. As motivacións para vir ata a Ribeira Sacra nesta época do ano son diferentes para cada persoa pero todas coinciden en sinalar as paisaxes, os monumentos e a gastronomía como as principais. E, por suposto, a visita a adegas e viñedos.
"Vimos seis días e queremos coñecer a zona e tamén Lugo e Ourense".
"Pararamos algunha vez, pero desta volta ímola ver a fondo".
"É a primeira vez. Deste sitio faláronnos os familiares".
"Tiñamos moi boas referencias e decidimos vir nesta época".
O outono leva anos sendo época de bonanza na Ribeira Sacra. Proba diso é que a ocupación hoteleira de outubro foi superior á de xullo.