Lugo e a Ribeira Sacra achéganse ao 100 % de ocupación hoteleira na ponte
Lugo e a Ribeira Sacra achéganse ao 100 % de ocupación hoteleira na ponte
O tempo solleiro e os eventos programados favorecen a chegada de turistas
Algúns establecementos xa esgotaran as reservas hai días
A cidade de Lugo vai acadar ata un 97 % de ocupación hoteleira durante as principais noites desta ponte de Santos. O que sempre foi temporada baixa converteuse nun insospeitado período de afluencia masiva de turistas que queren gozar dos numerosos elementos patrimoniais, a gastronomía e, desta volta, tamén do bo tempo.
"Tiñamos referencias dun amigo que estivo hai anos e falou ben da zona", comenta un turista. "Veremos a catedral, a muralla e toda a pegada dos romanos na cidade", engade outro.
Situación similar vívese na Ribeira Sacra, onde o outono foi sempre unha época de alta concentración turística nas beiras do Sil e o Miño. Tanto os hoteis como as casas de turismo rural e os complexos de apartamentos están case coas reservas esgotadas. A paisaxe de outono, coas súas cores únicas e os actos programados en localidades como Chantada ou Monforte tamén axudan.
"A gastronomía, o viño, a paisaxe... a Ribeira Sacra en outono é única", sinala Beatriz Vila, da asociación de hostaleiros de Lugo na zona sur.
O tempo solleiro vai continuar, como mínimo, ata a noite do sábado, polo que os establecementos de hostalería poderían mesmo ver superadas as súas expectativas.