Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia camiña cara á desestacionalización con hoteis cheos nas Rías Baixas

Galicia camiña cara á desestacionalización con hoteis cheos nas Rías Baixas

A ocupación foi do 100 % nos establecementos de catro e cinco estrelas e no resto estivo entre o 80 o 90 %

G24.gal 03/11/2024 14:49 Última actualización 03/11/2024 15:24

Remata a ponte de Todos os Santos e, segundo o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, as cifras de ocupación son as mellores dos últimos anos, máis tendo en conta que non estamos en tempada alta.

Nas Rías Baixas a ocupación hoteleira achegouse ao 100 % con estancias de familias completas de tres noites e reservas feitas con moita anticipación.

Case son as doce do mediodía e no Hotel Gran Talaso de Sanxenxo os turistas comezan a marchar, moitos deles nos seus coches particulares porque a metade dos hóspedes nesta ponte son do norte e do centro de España e están entre catro e seis horas das súas casas.

O 30 % son de nacionalidade portuguesa e o resto, galegos. 

 "A verdade é que o balance foi moi bo. Podemos dicir que foi unha ponte con cheo, ao 100 %. As reservas foron de tres noites, que é o que queremos, e tanto o xoves como o venres como o sábado estivemos completos", conta a TVG Sergio Vilar, o adxunto á dirección do Hotel Gran Talaso de Sanxenxo.

O bo tempo fixo que non houbera cancelacións de última hora, só un 5 %, e que todas as reservas pechadas hai uns dous meses se mantiveran.

"A ocupación nas Rías Baixas foi do 100 %, por exemplo aquí en Sanxenxo nos hoteis de catro e cinco estrelas, e nos outros hostais e hoteis de dúas estrelas foi entorno ao 80 % e 90 %. No resto de Galicia funcionou moi ben o turismo rural, ese outono gastronómico que está en 75 casas rurais de toda Galicia. O bono turístico da Xunta de Galicia tamén segue funcionando moi ben e tamén hai xente que o usou nesta ponte", explica Cesáreo Pardal, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia.

Hai só un lustro, en vilas coma esta de Sanxenxo fóra da tempada alta non había hoteis abertos. Hoxe de 160 están abertos 23 durante todo o ano. Galicia, segundo o Clúster de Turismo, camiña cara á desestacionalización o turismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade