Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Organización Mundial da Saúde condena os ataques de Israel á sanidade palestina

A Organización Mundial da Saúde condena os ataques de Israel á sanidade palestina

Israel conseguiu incluír na mesma resolución un artigo que denuncia "o uso de instalacións sanitarias por grupos armados"

A asemblea da OMS refírese por primeira vez a Palestina coma un Estado e eleva o seu status a membro observador 

Persoal sanitario palestino chora a morte de dous compañeiros nun ataque israelí en Rafah. REUTERS/Hatem Khaled Persoal sanitario palestino chora a morte de dous compañeiros nun ataque israelí en Rafah. REUTERS/Hatem Khaled
G24.gal 02/06/2024 08:31 Última actualización 02/06/2024 09:33

A Organización Mundial da Saúde (OMS) logrou este sábado, no seu último día de asemblea anual e tras xornadas de intenso debate, aprobar unha resolución que condena os ataques israelís á sanidade en Gaza.

O texto, presentado por iniciativa do grupo de países árabes, condena "os ataques indiscriminados de instalacións médicas e humanitarias utilizadas exclusivamente con propósitos humanitarios, así como por persoal médico, pola potencia ocupante, en violación da lei internacional".

A pedimento de Israel, incluíuse un epígrafe que reclama a liberación dos reféns cativos na Franxa e condena o uso por parte de grupos armados (en alusión a Hamas) de instalacións sanitarias, argumento que usou o exército israelí para atacar hospitais e outros centros de saúde.

O texto inicial non contiña artigos condenatorios, pero ao lograr Israel que se aprobara a súa emenda, os países árabes, que estiveron a piques de retirar a resolución como protesta, presentaron unha nova con denuncias dos abusos israelís sobre o sistema sanitario palestino.

Esta última emenda foi aprobada este sábado con 102 votos a favor (dos 196 membros da OMS) e seis en contra (Israel, os Estados Unidos, O Reino Unido, A Arxentina, a República Checa e Hungría).

Investigación e conferencia de doantes

O texto tamén lle solicita á OMS que investigue os efectos do conflito na malnutrición do pobo gazatí como resultado da práctica deliberada de facer padecer fame á poboación civil.

Así mesmo, reclama que a axencia sanitaria da ONU celebre unha conferencia de doantes, antes de 12 meses, para financiar as necesidades inmediatas de Palestina en materia de saúde, así como a rehabilitación e reconstrución do seu sistema sanitario.

Novo status

Na asemblea da OMS, concluída este sábado tras seis días de debates, tamén se elevou o status de Palestina ante o organismo para converterse en membro observador. Deste xeito, a súa delegación sentará na mesma zona ca os representantes dos estados membros.

A OMS salientou que é a primeira vez que a asemblea se refire a Palestina como un Estado e que, a partir de agora, poderá presentar propostas pero sen dereito a voto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade