A operación quilo recolle alimentos, roupa e xoguetes para o Nadal
A operación quilo recolle alimentos, roupa e xoguetes para o Nadal
A asociación xuvenil Amencer recolleu en Ourense en 2021 máis de 15.000 quilos de alimentos cos que axudaron a case 1.300 familias
Máis de tres décadas leva a asociación xuvenil Amencer recollendo alimentos antes do Nadal para persoas sen recursos de Ourense. É a coñecida operación quilo, que o ano pasado conseguiu chegar a case 1.300 familias. Os voluntarios encárganse estes días e ata o próximo 22 de decembro de recoller e clasificar os alimentos, roupa e xoguetes que chegan dende as doazóns que fan os clientes nos supermercados ou a título particular. Ademais dos supermercados, case douscentos establecementos comerciais de Ourense súmanse tamén a esta iniciativa solidaria.
"Para o que dá parécelle moito sempre, pero para o que recibe sempre vai ser pouco, entón entre todos faremos o que poidamos, e nós estamos encantadas de colaborar".
Pódense mercar lazos solidarios, facer achegas económicas e doar roupa ou alimentos non perecedoiros. Por iso están tamén á porta dos supermercados.
"Calquera cousa que se poña aí é suficiente, o esencial, o que necesita unha familia para comer".
A axuda chega a familias, é dicir, a grandes e pequenos, por iso cada detalle conta.
"Estamos no taller de xoguetes, o que facemos é recoller xoguetes usados en bo estado ou novos. Arranxámolos, preparámolos para que teñan un novo uso".
E insisten en que cada contribución é importante, por pequena que pareza. O ano pasado a operación quilo recolleu en Ourense máis de 15.000 quilos de alimentos cos que axudaron a case 1.300 familias.
"Traballamos a través de Cáritas, que son os que traballan todo o ano coas familias empobrecidas, así estamos seguros de que a axuda chegue a xente necesitada porque non o damos nós, que somos unha entidade educativa, senón Cáritas, que está todo o ano con eles", explica Xulio César Iglesias, xerente da asociación Amencer.
As axudas e doazóns recóllense ata o próximo 22 de decembro para que cheguen a tempo para o Nadal.