A opinión pública surcoreana pregúntase, tras a avalancha, se faltou previsión
A opinión pública surcoreana pregúntase, tras a avalancha, se faltou previsión
Confirmadas 154 persoas mortas e 133 feridas pero as cifras poden aumentar
A maioría das vítimas son adolescentes e xente que rolda os vinte anos
A opinión pública surcoreana pregúntase un día despois da avalancha se faltou previsión. Era o primeiro Halloween sen restricións pola covid e o barrio onde ocorreu, unha das zonas de lecer con máis sona de Seúl, recibira por esta festa o ano pasado -aínda con limitacións- 60.000 persoas.
Esta vez foron máis de 100.000. Algunhas testemuñas directas afirman que había pouca policía, pouco control e demasiada xente.
A avalancha orixinouse nunha rúa estreita, con menos de catro metros de ancho, e en pendente. Os superviventes din que houbo unha caída masiva desde arriba, que uns ían quedando sobre outros. Moitas vítimas morreron por asfixia.
Investigación das causas
O presidente do país prometeu unha investigación en profundidade para determinar as causas da traxedia e evitar que se repita e decretou unha semana de loito nacional.
Case todas as vítimas son adolescentes ou xente que rolda os vinte anos, varias decenas do estranxeiro, e témese que a cifra aumente porque entre os máis de 130 feridos, preto de 40 están graves. Ademais, aínda hai xente buscando persoas desaparecidas.