A ONU estima que morreron 670 persoas na avalancha de Papúa Nova Guinea
A ONU estima que morreron 670 persoas na avalancha de Papúa Nova Guinea
Estímase que máis de 150 casas quedaron sepultadas por unha capa de rochas e terra de ata oito metros de produndidade
A Organización Internacional para as Migracións (OIM) en Papúa Nova Guinea estima que máis de 150 casas quedaron soterradas por unha capa de rochas e terra, de seis a oito metros de profundidade, na aldea de Koakalam, a 600 quilómetros da capital, Port Moresby.
Segundo declarou á televisión estatal australiana ABC o responsable da axencia, Serhan Aktoprak, temen que na avalancha puideron falecer máis de 670 persoas.
Con todo, a delegación das Nacións Unidas no país matizou que polo momento só hai cinco vítimas mortais confirmadas. Segundo indica nun informe, a zona segue a ser perigosa polo risco de novos aludes, polo que traballan na evacuación dos máis de 1.200 sobreviventes.
Unhas 4.000 persoas viven oficialmente na zona do desastre, duns 200 quilómetros cadrados, pero as autoridades estiman que hai máis afectadas porque é un lugar de refuxio para aldeáns que foxen de conflitos e enfrontamentos tribais en aldeas próximas.
A estrada principal de acceso quedou prexudicada, o que está a dificultar os labores de rescate e a achega de axuda. Polo momento, só se pode acceder en helicóptero ou vehículos todoterreo.
A área afectada adoita padecer choivas intensas e inundacións, e os desprendementos son habituais. Malia ser un país rico en recursos naturais, gran parte da poboación vive na extrema pobreza ou está illada por falla de infraestruturas.