A oposición esixe ao PSOE que identifique os implicados no caso Mediador
A oposición esixe ao PSOE que identifique os implicados no caso Mediador
Feijóo di que hai deputados e senadores implicados na trama
No PSOE aseguran que os corruptos xa foron expulsados do partido e que non hai constancia de máis persoas relacionadas co caso
O denunciante do caso Mediador di que hai 15 deputados do PSOE implicados
A identidade dos comensais que asistiron a unha cea no madrileño restaurante Ramsés co exdeputado socialista Juan Bernardo Fuentes Curbelo,Tito Berni, xefe da presunta trama corrupta do caso Mediador, centra o foco político deste escándalo.
O PP pide ao Goberno que identifique todos os implicados.
No PSOE aseguran que "unha cousa é ir a unha cea e outra é corromperse". O voceiro do PSOE no Congreso Patxi López asegurou que no partido non teñen constancia de que ningún outro deputado socialista poida estar implicado en temas de corrupción por este caso.
Pola contra, o líder da oposición Alberto Núñez Feijóo afirma que esta trama se estende por todo o Congreso e o Senado.
O PSOE asegura que non consta "ningunha outra actitude con comportamentos deshonestos" dentro do partido: "No momento en que os coñezamos, actuaremos".
A voceira do Goberno Isabel Rodríguez respondeulle ao PP que os socialistas atallan a corrupción mentres "outros a tapan". E puxo como exemplo que Casado tivese que deixar o partido tras denunciar un suposto caso de corrupción da presidenta Isabel Díaz Ayuso.
A trama Mediador ofrecía aos empresarios privilexios na contratación pública a cambio dun pagamento de 5.000 euros.
A xuíza de Tenerife que instrúe o caso tamén investiga se extorsionaban gandeiros a cambio de recibir tratos de favor nas inspeccións ou no trámite de axudas europeas.
Ata o momento, houbo unha vintena de rexistros e trece detidos, aínda que só un ingresou en prisión, o xeneral da Garda Civil Francisco Espinosa Navas.
Xunto a el, outras tres persoas encabezaban a trama: o xa exdeputado socialista Juan Bernardo Fuentes, o seu sobriño Taishet Fuentes e o empresario canario Antonio Navarro Tacoronte. O testemuño deste último é o que está a destapar os detalles do caso. El era o mediador.