Publicador de contidos
Publicador de contidos

A oposición pide que comparezan familiares de cargos do PP na comisión de investigación do Parlamento

A oposición pide que comparezan familiares de cargos do PP na comisión de investigación do Parlamento

O BNG solicita a comparecencia de Feijóo, de Rueda, de todos os conselleiros de Sanidade que exerceron canda eles e de familiares de altos cargos do PP

Os socialistas piden que declaren a deputada do PP Paula Prado e o seu home e os conselleiros de Economía María Jesús Lorenzana e Francisco Conde

Arquivo Arquivo
G24.gal 28/10/2024 12:00

A comisión parlamentaria que prevé investigar a contratación pública da Xunta inclúe os presidentes autonómicos Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, familiares de cargos do PP, conselleiros de Sanidade e de Facenda e altos cargos, segundo detallou este luns o BNG.

O plan de traballo da comisión creada a pedimento do BNG establece a declaración en sede parlamentaria dos presidentes da Xunta entre 2009 e a actualidade, Feijóo e Rueda; de Alberto González Amador, mozo da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e a do cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas Botas, directivo de Universal Support.

Tamén solicita o Bloque que compareza a irmá do actual líder do PP, Micaela Núñez Feijóo, directiva da firma Eulen en Galicia, que acaparou -segundo os nacionalistas- 4.000 millóns de euros de contratos "a dedo entre 2018 e 2023".

Pontón pretende que a comisión "poña luz onde o PP quere escuridade"

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, indicou esta mañá que a iniciativa contén un "número importante" de solicitudes de comparecencias pero, todas elas, relevantes para que a comisión consiga o seu fin e "lanzar luz onde o PP quere escuridade".

Pontón expresou a súa confianza en que o labor da comisión permita acabar con "quince anos de chanchullos do PP" e indicou que a súa formación irá ata as "últimas consecuencias" para descubrir que empresas están a "beneficiarse descaradamente" de contactos con responsables da Administración pública.

Os nacionalistas agardan que os comparecentes dean explicacións sobre o modelo de financiamento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Por iso solicitan que declaren en sede parlamentaria todos os conselleiros de Sanidade que exerceron durante o mandato do PPdeG e os xerentes da área sanitaria, vinculada ao "sobrecusto millonario" dese centro.

Entre eses cargos, Pontón nomeou a Pilar Farjas, Rocío Mosquera e Vázquez Almuíña e a todos os xerentes, entre os que figura o exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña. Tamén está chamada a intervir a exconselleira de Facenda Elena Muñoz pola súa responsabilidade como interventora xeral da Comunidade Autónoma cando se informou favorablemente do contrato para o hospital.

A petición de comparecentes complétase con interventores xerais da Administración e responsables de entidades instrumentais e axencias públicas que asinaron contratos con empresas beneficiadas con contratos por procedementos extraordinarios durante a pandemia de covid-19, como directivos de áreas sanitarias, o responsable do Consorcio de Igualdade ou o presidente do ente público de medios de comunicación CRTVG.

O PSdeG chamará a comparecer a conselleiros do bipartito e a deputada Paula Prado e o seu marido

O plan de traballo do PSOE galego para a comisión de investigación sobre os contratos da Xunta amplía o marco temporal a escrutar xa que chamará a conselleiros do bipartito que liderou o Goberno galego entre 2005 e 2009, pero tamén a numerosos dirixentes en activo como os conselleiros de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o seu antecesor no cargo e agora deputado no Congreso, Francisco Conde; ou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado e ao seu marido.

Os socialistas solicitarán a comparecencia de Prado, que é viceportavoz do PP no Parlamento, pero que non forma parte do equipo dos populares nesta comisión de investigación.

Requirirá a súa comparecencia, así como a do seu marido, Francisco Antonio Otero, pola súa relación coa empresa Allwork, de vestiario laboral, e que rexistrou un importante "volume de contratación coa Administración". Tamén reclamarán que dea explicacións a presidenta de Seaga, Luisa Piñeiro e do exconselleiro do Medio Rural e actual responsable de Emprego, José González.

Os socialistas incidirán ademais nos 272 contratos concedidos a dedo ao irmán da secretaria xeral de Presidencia de Alfonso Rueda, Beatriz Cuíña, polo que pedirán que tanto ela, como o seu irmán Joaquín, acudan á Cámara.

Polo volume de contratación do rexistro de marcas coa empresa Cuíña reclamarán as comparecencias dos responsables de turismo Nava Castro e Xosé Manuel Merelles.

Respecto o modelo de financiamento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo chamarán a todos os conselleiros de Sanidade, aos designados polo PP, pero tamén á socialista María Xosé Rubio, que ostentou esta responsabilidade entre 2005 e 2009.

Respecto diso, solicitarase a comparecencia de cargos do Consello de Contas como Juan Carlos Aladro, conselleiro Maior cando se realiza o informe que alerta do sobrecusto, así como do conselleiro de Economía en 2009 José Ramón Fernández Antonio, que foi o encargado de solicitar un informe sobre a contratación de construción do devandito hospital.

Os socialistas xa anunciaran que solicitarían as comparecencias do ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do actual mandatario, Alfonso Rueda; de Alberto González Amador, mozo da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso e a do cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas Botas, directivo de Universal Support e irmán Eva Cárdenas.

Os representantes do PPdeG, que dispoñen de maioría absoluta na Cámara galega, son quen deberá decidir os comparecentes e a estrutura das futuras reunións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade