A Palma traballa xa no plan de regreso dos habitantes evacuados
A Palma traballa xa no plan de regreso dos habitantes evacuados
O director do Pevolca asegura: "Imos contando as horas e desexando que sexa definitivo"
A erupción considerarase liquidada cando transcorran dez días sen signos de actividade
O director do Plan de Emerxencias Volcánicas das Canarias (Pevolca) Miguel Ángel Morcuende admite, na entrevista do espazo Bos días: "Imos contando as horas e desexando que sexa definitva a fin da erupción do volcán da Palma. Con todo, isto tense que confirmar ao longo dunha serie de días".
O comité científico que fai seguimento da erupción fixa un prazo de dez días sen que se rexistre actividade. Na actualidade, "as variables observables, como a deformación do terreo, a ausencia de tremor ou a emisión de dióxido de xofre, que está sendo baixa ou moi baixa", indican que a extinción podería confirmarse.
O proceso claramente perdeu potencia, pero os expertos son moi cautos porque "en calquera momento as cousas poderían cambiar".
Por iso agora están facendo un seguimento diario, sobre todo nas zonas en que se está permitindo que accedan os veciños evacuados a limpar as súas propiedades. "Facemos un seguimento diario para evitar que se produzan accidentes por gases", concreta.
Nas zonas máis baixas, como adegas, aparcadoiros subterráneos ou sotos de vivendas, é onde hai maior perigo, porque os gases pesan e adoitan concentrarse nelas.
O Pevolca xa está traballando nun plan de regreso de todos os habitantes da illa que tiveron que ser evacuados dos seus domicilios. Morcuende avanza que este plan se define "pola emisión de gases nas inmediacións do cono e nas coadas". As zonas habitadas do noroeste da coada, como Las Marinas ou La Condesa, serán probablemente as primeiras ás que se poida volver. "Os barrios máis próximos ao cono tardarán máis".