Dilúese a nube de dióxido de xofre que chegou a Galicia desde un volcán de Islandia
Dilúese a nube de dióxido de xofre que chegou a Galicia desde un volcán de Islandia
As autoridades descartan que se producisen riscos para a saúde
A sexta erupción volcánica en Islandia desde decembro arrastrou ata España unha nube de dióxido de xofre. O volcán liberou o gas ao erupcionar e as correntes de aire desprazárono cara ao sur de Europa.
"Produciuse unha circulación do noroeste que arrastrou esa nube cara ao noroeste do continente europeo. Veu en altas concentracións pero en niveis altos da atmosfera", explica Carlos Otero, preditor de MeteoGalicia.
Rexistrouse por riba dos 1.500 metros e parte desa nube tóxica chegou a Galicia, pero as cantidades en aire non foron significativas.
"Non chegaron á superficie. Na nosa rede de estacións de calidade do aire temos sensores que miden as concentracións de SO2 en superficie e ningunha rexistrou ningunha variación que poidamos identificar como este episodio, o episodio do volcán", engade Carlos Otero.
Non houbo risco para a saúde. Se chegásemos a inhalalo poderiamos notar irritación nos ollos, tose e dor de gorxa. Semella que o episodio pasou.
Desde MeteoGalicia confirman que "a tendencia nos próximos días é que se dilúa completamente mentres non haxa unha achega de SO2 podemos considerar que este episodio está completamente rematado".