Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal galega pide unidade para impulsar o Corredor Atlántico ferroviario

A patronal galega pide unidade para impulsar o Corredor Atlántico ferroviario

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia avanza que a semana que vén se reunirá co presidente da rexión Norte de Portugal para abordar o nó de comunicacións

Juan Vieites urxe ao Goberno a acelerar a chegada de fondos europeos de recuperación ás empresas porque os cartos non chegan "á economía real"

G24.gal 26/02/2023 14:40 Última actualización 26/02/2023 15:17

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) Juan Vieites confirma na Radio Galega que neste mes de marzo terán unha xuntanza co comisionado para o Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías Juan Antonio Sebastián Ruíz, na que volverán poñer sobre a mesa a necesidade dun "plan director". Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vieites insiste na necesidade de convencer a Europa de que as denominadas "autoestradas ferroviarias", como o Corredor Atlántico Noroeste, son fundamentais e prioritarias para a competitividade económica e para cohesionar o noroeste español e portugués. 

"Falamos con el e dixo que si, que no mes de marzo ía estar aquí connosco. Tamén imos programar un grande evento en abril con cousas máis concretas e co Clúster da Loxística galega imos tentar buscar cousas concretas para implementar o máis rapidamente posible o Corredor Atlántico Noroeste".

Juan Vieites avanzou tamén que a semana que vén se reunirá co presidente da rexión Norte de Portugal Antonio Cunha para seguir avanzando neste nó de comunicación e para "favorecer que haxa confianza por parte de Bruxelas" para que os proxectos "se poidan levar adiante".  Para o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, a competitividade das empresas non só vén da man do transporte por estrada senón tamén da interconexión cos portos e o ferrocarril. 

FONDOS EUROPEOS DE RECUPERACIÓN

O presidente da patronal insta o Goberno central a "acelerar" a chegada dos fondos europeos de recuperación ás empresas porque di que os cartos concedidos non chegaron á "economía real". Para iso propón "flexibilizar as condicións" para que poidan acceder a eses cartos. Vieites considera preciso coñecer o volume exacto de fondos executados e engade que as análises apuntan a que hai "puntos mellorables" na planificación realizada. 

"Resulta importante acelerar a chegada dos fondos ás empresas, que non están a chegar. Estanse a conceder pero non están chegando eses fondos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade