A policía aconsella actuar con cautela para evitar roubos telemáticos
A policía aconsella actuar con cautela para evitar roubos telemáticos
Propoñen protexer o móbil con antivirus e usar contraseñas robustas
Advirten de que non se deben facilitar datos bancarios a través de enlaces enviados por sms
A policía pide prudencia antes de picar nun enlace, de dar algún dato bancario ou un contrasinal en Internet. Cada vez son máis os delincuentes que suplantan a identidade de grandes compañías telefónicas, correos ou entidades financeiras para tomar o control dos nosos móbiles e baleirar as contas en cuestión de minutos. Recomendan tamén que poñamos antivirus no móbil, usemos contrasinais fortes e denunciemos estes calotes para evitar a impunidade dos ciberdelincuentes.
A unidade de delitos telemáticos alerta de que as denuncias por roubos o estafas a través da Internet medran e que a miúdo chegan en forma de mensaxe do banco, de Facenda ou de teleoperadoras. Aconsella actuar con calma e sentido común.
"Nesas mensaxes que recibimos dunha entidade bancaria onde nos din que van bloquear as nosas contas inmediatamente, asústannos e imos rapidamente. Seguimos o enlace, introducimos usuario e contrasinal e perdemos o control da nosa conta", di Santiago Reboiras, inspector xefe do Grupo de Investigacións Tecnolóxicas da Coruña.
O calote chega a miúdo a través de móbil, un aparello que está sempre á man. Por iso, os expertos din que hai que introducir neles medidas de ciberseguridade.
"Hai que pensar que mandar 100.000 sms está a golpe dun clic, por iso se chama phishing ('pesca').
Actualizar as aplicacións, porque normalmente se actualizan para tapar furados de inseguridade que se detectaron, e ter antivirus no móbil, que frean ataques de phishing", sinala Reboiras.
Os axentes de delitos telemáticos piden ás vítimas que denuncien para poder perseguir os ciberdelincuentes.