A policía analiza o material xihadista incautado ao atacante de Alxeciras
A policía analiza o material xihadista incautado ao atacante de Alxeciras
O detido pasa o luns a disposición da Audiencia Nacional. O auto do xuíz apunta aos delitos de asasinato e lesións con fins terroristas
Despedida multitudinaria a Diego Valencia, o sancristán golpeado mortalmente por Yassin Kanjaa
Na mesma igrexa en que exerceu como sancristán durante 16 anos, os veciños de Alxeciras despedían este mediodía a Diego Valencia, asasinado ás portas do templo.
As imaxes gravadas dende un establecemento próximo mostran o momento do ataque. Yassin Kanjaa persegue e golpea mortalmente co machado o sancristán, que queda tendido na praza. Despois, o atacante afástase camiñando tranquilamente ante o estupor das persoas que estaban nese momento da tarde na praza Alta, no centro de Alxeciras.
Minutos despois a Policía Local detiña o asasino, que xa deixara catro feridos no ataque a dúas igrexas da cidade. Un deles, o sacerdote Antonio Rodríguez, xa se recupera no seu domicilio. "Atópome fisicamente dorido, porque a experiencia que tiven... E moralmente moi tranquilo, reflexionando sobre o sucedido", asegura.
Os investigadores analizan o material intervido na vivenda de Kanjaa. No seu móbil e no ordenador había propaganda e mensaxes xihadistas. Todo apunta a que o detido, que estaba pendente de expulsión a Marrocos dende xuño, se autorradicalizou en breve espazo de tempo.
Non tiña antecedentes e a policía cre que actuou en solitario. Sobre unha posible perturbación mental, o fiscal xefe de Alxeciras asegura que esta non condiciona que o acto sexa terrorista.
"Reclamaráselle a Marrocos o seu historial psiquiátrico, porque parece que tiña antecedentes en saúde mental no seu país de orixe. E outra cosa é o feito cometido: un ataque por motivos relixiosos fronte a outras relixións que quere eliminar, iso é un ataque terrorista", explica Juan Cisneros.
Yasin Kanjaa pasará o luns a disposición da Audiencia Nacional. O auto do xuíz Joaquín Gadea recolle as referencias a Alá e ao islam que o detido fixo durante o ataque, e vincúlao co salafismo xidahista. O maxistrado cualifícao provisionalmente como "delito de asasinato e lesións con instrumento perigoso con fins terroristas".