Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un neno de catorce anos, vítima dun ataque con espada no leste de Londres

Un neno de catorce anos, vítima dun ataque con espada no leste de Londres

Outras catro persoas quedaron feridas, dúas delas policías, e foron hospitalizadas 

Segundo os investigadores, non parece que se trate dun suceso de carácter terrorista

G24.gal 30/04/2024 10:53 Última actualización 30/04/2024 15:07

Un neno de 14 anos faleceu e outras catro están feridas logo de que un home de 36 anos as atacase  nunha estación de metro da zona de Hainault, no nordeste de Londres, segundo informou a Policía Metropolitana da capital británica.

Segundo un comunicado, o suceso, que de acordo cos primeiros indicios non é de natureza terrorista, produciuse pouco despois da 07:00 hora local cando a policía recibiu chamadas para advertir de que un coche se estrelara contra unha casa na área de Thurlow Garden.

Dos catro feridos, dous son axentes policiais, que están hospitalizados e deberon ser operados, aínda que as súas vidas non están en perigo, mentres que as outras dúas persoas tamén están ingresadas nun centro sanitario pero non de gravidade.

O superintendente xefe da Policía Metropolitana de Londres (Met, en inglés), Stuart Bell, dixo aos medios que as forzas da orde e os servizos de emerxencia foron despregados para atender a varias vítimas en Hainault.

"Con gran tristeza confirmo que un dos feridos no incidente, un neno de 13 anos, morreu por mor desas feridas. Levárono ao hospital despois de ser apuñalado e lamentablemente morreu pouco despois. A familia do neno conta co apoio, primeiro, dos meus axentes locais e agora dalgúns axentes especializados", agregou.

Os servizos de emerxencia acudiron ao lugar tras recibir unha chamada para advertir de que un coche se estrelara contra unha vivenda na área de Thurlow Garden, en Hainault.

Un vídeo cidadán difundido polos medios británicos mostra ao suposto autor do ataque, un home con barba e ataviado cun suadoiro ocre de capucha, mentres camiña cunha espada de gran tamaño (do estilo dunha katana xaponesa) na man.

A Met tamén descartou que exista "algunha ameaza" para a cidadanía por mor do ataque.

Tras o incidente, o ministro británico do Interior, James Cleverly, pedira a través da rede social X que non se especulase nin se compartisen vídeos a través de Internet, senón que se facilitase a información relevante á policía.

"Os meus pensamentos están con aqueles afectados e agradezo aos servizos de emerxencia", escribiu Cleverly. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade