Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ingresa na cadea o presunto autor dunha vintena de delitos contra os dereitos dos traballadores e estafa

Ingresa na cadea o presunto autor dunha vintena de delitos contra os dereitos dos traballadores e estafa

O suposto autor dos feitos, detallou a Policía Nacional, publicaba en Internet ofertas de traballo na rama agrícola coas seguintes condicións: xornadas de cinco días, soldo de 1.200 euros, contrato, comida incluída e xestión de aloxamento

O detido, xa en prisión provisional, aproveitábase da situación de vulnerabilidade dos demandantes de emprego, cidadáns estranxeiros á espera de regularizar a súa situación

G24.gal 15/05/2024 10:09 Última actualización 16/05/2024 14:53

A Policía Nacional detivo en Mesía (A Coruña) un home acusado dunha vintena de delitos contra os dereitos dos traballadores e estafa por ofrecer emprego a cidadáns estranxeiros aos que non pagaba, polo que ingresou en prisión provisional.

A policía informou de que a detención se produciu o domingo 12 de maio por uns delitos que supostamente se cometeron entre os meses de decembro de 2023 e febreiro de 2024. A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais da Coruña iniciou a investigación tras recibir denuncias nas que varias persoas aseguraban ser estafadas por un home que ofertaba traballo no sector agrícola en varias leiras de Lugo a través de plataformas en liña.

O suposto autor dos feitos, detallou a Policía Nacional, publicaba na Internet ofertas de traballo na rama agrícola coas seguintes condicións: xornadas de cinco días, soldo de 1.200 euros, contrato, comida incluída e xestión de aloxamento. Para isto último solicitaba a entrega de certas cantidades de efectivo, entre 200 e 500 euros, en concepto de fianza ou alugueiro.

Os solicitantes eran aloxados en hoteis á espera da xestión do aloxamento nun piso, pero isto non chegaba nunca a producirse e, ademais, tiñan que abandonar os hoteis por falta de pagamento por parte do detido. A Policía Nacional manifestou que o home nunca chegaba a realizar ningún tipo de contrato laboral nin a pagar salario, a pesar de que as xornadas superaban nalgunhas ocasións as 12 horas e non lles daba nin roupa adecuada nin comida.

O detido, xa en prisión provisional, aproveitábase da situación de vulnerabilidade dos demandantes de emprego, cidadáns estranxeiros á espera de regularizar a súa situación administrativa en España, aos que ameazaba se pensaban en deixar o traballo. A policía localizou 20 vítimas na zona e tamén resultaron estafados os propietarios de dous establecementos de hospedaría, que foran contratados polo suposto estafador para aloxar os traballadores e aos que nunca chegou a pagar pola estancia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade