A poxa de bonito na lonxa de Burela sobe nun 89 % con respecto a 2022
A poxa de bonito na lonxa de Burela sobe nun 89 % con respecto a 2022
Ten repercusión directa no incremento da facturación, que alcanza xa os 2.350.000 euros, o que supón unha suba de 959.000 euros
O prezo medio a esta altura da costeira na lonxa de Burela sitúase en 4,13 euros por quilo
A poxa de bonito na lonxa de Burela experimentou un crecemento exponencial en relación coa campaña do pasado ano no que se refire ao volume de peixe descargado e vendido neste porto da costa de Lugo, cun incremento do 89 % en relación coa pasada costeira, a do ano 2022.
O xerente da Asociación de Armadores de Burela (ABSA), Miguel Neira, informou de que foron poxados na lonxa de Burela 541.000 quilos de bonito, unha cantidade que supón un incremento de 255.000 quilos en relación coa pasada costeira.
Esa suba do 89 % no volume de capturas tivo unha repercusión directa no incremento da facturación, que alcanza xa os 2.350.000 euros, o que supón unha subida de 959.000 euros en relación coa rexistrada o pasado ano á mesma altura do verán.
Neira precisou que “esta subida tan potente da oferta”, especialmente “nos meses de xuño e xullo” tivo tamén a súa “repercusión no prezo medio”, que se resentiu “”.
En concreto, o prezo medio a esta altura da costeira na lonxa de Burela sitúase en “4,13 euros por quilo, o que supón 53 céntimos de euro menos” que na pasada campaña, ou o que é o mesmo, é un 11 % inferior, aclarou.
Neste momento, o “bo ritmo de capturas” levou a que se esgotase o 49 % da cota asignada a España, pero os barcos aínda poden pescar 9.450.000 quilos máis de bonito.
“Destacar que na última semana foron descargados no porto de Burela uns 200.000 quilos de bonito”, fronte aos “255.000 quilos” que se poxaron “nas tres primeiras semanas” de costeira, precisou Neira.