A praga de moscas no Val, en Narón, séguese estendendo pola parroquia
A praga de moscas no Val, en Narón, séguese estendendo pola parroquia
Xa hai cen vivendas afectadas
A veciñanza teme que a situación empeore coa chegada do verán e a suba das temperaturas
Paredes cheas de moscas e fiestras e portas pechadas. Así ten que vivir a diario a veciñanza da parroquia do Val, no concello de Narón
“Sen poder facer de comer, os nenos saen fóra e teñen os xoguetes cheos de moscas. Como che entren na casa non podes durmir, con isto acabamos mal”, explica María Jose Fandiño, unha veciña afectada
José Luis é un dos veciños afectados por esta praga que comezou hai xa catro anos.
“Non hai quen aguante. Pos tiras de pegar para as moscas e hai que cambialas cada dúas horas”, explica José Luis González, veciño afectado.
O problema comezou nunhas poucas casas, pero agora xa son cen as vivendas afectadas.
"Empezou no camiño da Igrexa, pasou a Pedreira, á zona de Bardás, a Lobeiro e agora está na zona de Baltar e Canteiros", explica Manoli Castro, presidenta da asociación veciñal do Val.
A asociación veciñal denunciou o problema ante o Concello de Narón e a Consellería de Medio Ambiente. Intentaron todo tipo de remedios, pero ningún deu resultado. As moscas sempre acaban volvendo
“Insecticida continuamente, que acaba dándome asma, as tiras das moscas, fumiguei a casa por fóra, chegamos a queimar… probamos todos os remedios que hai, pero volven outra vez.”
“Fumígalas e móvense, pero volven outra vez”
“Reclamamos unha solución, que veñan mirar de que pode ser, pero aquí non vén ninguén”
O principal temor agora é que coa chegada da calor a situación empeore. A praga de moscas xa se estende nun radio de 4 quilómetros