Praga de cascudas no barrio vigués de Freixeiro
Praga de cascudas no barrio vigués de Freixeiro
Os veciños atribúen a presenza dos insectos á vellez da rede de saneamento e á falta de mantemento do barrio
Desde hai meses estes veciños de Freixeiro, sobre todo os das travesías da rúa da Pastora, conviven coas cascudas. Segundo eles, non respectan nin o ximnasio municipal nin os establecementos próximos, nin as patacas dalgún faiado.
As tendas de comida e os negocios de hostalería están cansos de fumigar, algo que tamén di que fai o concello con certa regularidade nas rúas e na boca dos sumidoiros, pero non parece ser suficiente porque a praga non dá remitido.
Os veciños consideran que a presenza dos insectos se debe á obsoleta rede de saneamento e que non se fai unha reforma global da zona, senón que se vai amañando con pequenos parches. Tamén alertan da presenza de ratas, malia atoparse o barrio a escasos metros da Gran Vía e da praza de América.