A presentación telefónica da declaración da renda empeza este venres
A presentación telefónica da declaración da renda empeza este venres
Na campaña anterior presentáronse máis dun millón de liquidacións por esta vía
O prazo para presentar a declaración do IRPF de 2022 de xeito telefónico comeza este venres 5 de maio e estenderase, do mesmo xeito que para o resto de canles, ata o 30 de xuño, segundo o calendario da Axencia Tributaria.
O plan Chamámoslle foi gañando peso nos últimos anos como alternativa á atención presencial en oficinas. De feito, na campaña de 2021 presentáronse máis dun millón de liquidacións por esta vía.
A presentación telefónica está dispoñible para contribuíntes que cumpren determinados requisitos, por exemplo, que as súas rendas do traballo non superen os 65.000 euros e as súas rendas do capital non superen os 15.000 euros.
Para acceder ao servizo será necesario contar cunha cita previa -que se pode solicitar desde o 3 de maio- e no día e franxa horaria acordada, a Axencia Tributaria chamará por teléfono para confeccionar e presentar a declaración.
Pola Internet
A campaña da renda comezou o 11 de abril para a presentación de declaracións pola Internet -tanto a través do programa Renda Web como da aplicación móbil da Axencia- e desde entón xa se presentaron máis de 5,2 millóns de declaracións.
A maior parte destas liquidacións eran con solicitude de devolución, máis de 4,3 millóns, das que 3,1 millóns xa se pagaron, por un importe superior aos 2.000 millóns de euros, segundo os datos facilitados pola Axencia Tributaria.
O prazo para presentar a declaración terminará o próximo 30 de xuño para todas as canles: telemática, telefónica ou presencial, que comeza o 1 de xuño, aínda que os contribuíntes que queiran domiciliar o resultado para ingresar terán que facelo antes do 27 de xuño.