Publicador de contidos
Publicador de contidos

A primeira misión espacial comercial completamente europea chega á EEI

A primeira misión espacial comercial completamente europea chega á EEI

É a primeira vez na historia da Estación Espacial Internacional que hai a bordo cinco astronautas do vello continente

G24.gal 20/01/2024 19:32 Última actualización 20/01/2024 20:36

A primeira misión comercial privada completamente europea chegou este sábado á Estación Espacial Internacional (EEI) a bordo dunha nave Dragon. Os seus catro tripulantes permanecerán dúas semanas no laboratorio volante para realizar investigacións científicas en microgravidade.

A tripulación, comandada polo hispano-estadounidense Michael López-Alegría, uniuse aos sete membros da Expedición 70 que se atopan a bordo da EEI: dous astronautas estadounidenses, un danés, un xaponés e tres rusos.

A misión Ax-3, a terceira organizada pola empresa estadounidense Axiom Space, en asociación coa NASA, engalou este venres desde o Centro Espacial Kennedy, no centro de Florida, co obxectivo de facer máis dunha trintena de experimentos para avanzar en asuntos tan importantes como as células nai ou o cancro.

A Dragon, de 8 metros de altura e con capacidade para sete persoas, aterrou no módulo Harmony da EEI tras realizar un axuste exitoso, mentres o complexo orbital estaba a unhas 262 millas sobre o océano Pacífico, ao oeste de América do Sur.

A escotilla da Dragon abriuse un par de horas despois e a súa tripulación abandonou a cápsula para fundirse en abrazos cos sete membros da Expedición 70. O último en saír foi o seu comandante, López-Alegría.

"Esta misión é un símbolo de como Axiom en conxunción coa NASA está a traballar para expandir o acceso humano á órbita terrestre baixa (LEO, en inglés)", dixo emocionado.

Minutos antes, o astronauta da Expedición 70 Andreas Morgensen, o primeiro de nacionalidade danesa da historia, dirixiu unhas efusivas palabras de benvida á tripulación da Ax-3 en nome do seu equipo.

"Este é un tempo incrible para os voos espaciais coa terceira misión privada, algo que permite a moitas outras nacións a participar en investigacións científicas e desenvolvementos tecnolóxicos a bordo do laboratorio orbital", apuntou Morgensen.

Ademais de López-Alegría, viaxan na misión o italiano Walter Villadei (piloto) e os especialistas Alper Gezeravci, o primeiro turco en ir ao espazo, e Marcus Wandt, de Suecia.

Misión histórica

É a primeira vez na historia da EEI que a tripulación é totalmente europea e que hai cinco astronautas do vello continente a bordo a un tempo.

A misión privada axudará tamén a avanzar no desenvolvemento e utilización privada da EEI nesta nova era e crear un mercado sólido e sostible na órbita terrestre baixa.

Axiom Space, creada en 2016, planea operar a súa propia estación espacial, que comezará a construír como parte da EEI e co obxectivo do lanzamento do seu primeiro módulo no 2026. Estas misións privadas realízanse en colaboración coa NASA, que cobra polo uso da estación espacial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade