Á prisión un home que acosaba mozas e tentaba retelas en Arzúa
Á prisión un home que acosaba mozas e tentaba retelas en Arzúa
Chegaba a seguilas ata o interior dos establecementos públicos, e cando vía o momento agarraba a vítima coa intención de introducila no vehículo
Está acusado de varios delitos de coaccións, acoso e detención ilegal en grao de tentativa
O Xulgado de Instrución de Arzúa (A Coruña) decretou o ingreso en prisión dun home que acosaba mozas, algunhas menores de idade, e tentaba retelas introducíndoas nun coche.
Segundo indica o Instituto Armado, o Equipo Territorial de Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago de Compostela detivo este home como presunto autor de varios delitos de coaccións, acoso e detención ilegal en grao de tentativa, na fase de explotación da operación Stalkron.
A operación iniciouse por mor das denuncias interpostas nas dependencias oficiais da Garda Civil na localidade de Arzúa o pasado día 2 de xuño tras o que a prioridade foi identificación, localización e detención do suposto autor, dada a inseguridade xerada entre os veciños da localidade.
No transcurso da mesma, os gardas civís pescudaron o modus operandi desta persoa, que consistía na minuciosa selección da vítima, “utilizando para iso o seu vehículo particular co que percorría diferentes lugares” e, unha vez localizada a posible vítima, algunhas menores de idade, dedicábase a acosala pola rúa.
Segundo indican, o detido chegaba mesmo a seguilas ata o interior dos establecementos públicos nos que se introducían.
“Cando vía o momento oportuno agarraba a vítima coa intención de introducila no vehículo”, continúa a Garda Civil.
Os axentes da Policía Xudicial identificaron o autor e, unha vez coñecida a súa localización, a Garda Civil procedeu á súa detención como presunto autor de varios delitos de coaccións, acoso e detención ilegal en grao de tentativa.
O detido, xunto coas actuacións realizadas, foi posto á disposición do xulgado de Arzúa, que decretou o seu ingreso en prisión.