A procesión de Santa Marta de Ribarteme sae sen cadaleitos
A procesión de Santa Marta de Ribarteme sae sen cadaleitos
Había tres ofrecidos e todo estaba preparado, pero finalmente non saíron
Pese a isto, a romaría foi multitudinaria e contou con centos de participantes
Como cada 29 de xullo, día de Santa Marta, estaba prevista a celebración da coñecida procesión dos cadaleitos de Ribarteme, no concello pontevedrés das Neves. E como nos últimos anos, non se desenvolveu sen polémica.
Había tres ofrecidos e tiñan todo listo para saír na procesión cos cadaleitos, pero finalmente, e por motivos que non quedan claros, non participaron. Outro ano, a procesión de Santa Marta de Ribarteme quedou sen ser a romaría dos mortos.
Pese a isto, foi unha procesión multitudinaria. A saída foi algo accidentada, pois houbo que envorcar a imaxe da santa, que estivo a piques de caer. Centos de ofrecidos e de romeiros participaron na marcha, con profunda emoción dos devotos.
Haberá que esperar ao ano que vén, pero semella que pode perderse a tradición, como xa se foron perdendo outras, como os andores, uns adornos que flores que ían acompañando as imaxes dos santos; ou os poxos, un sistema mediante o cal os devotos ofrecían grandes cantidades de cartos por portar a santa, sobre todo na entrada ao templo, tanto cos banzos de diante como, especialmente, cos banzos de atrás.