O porto de Vigo e a Armada celebran a procesión da Virxe do Carme entre o Berbés, Bouzas e a Guía
O porto de Vigo e a Armada celebran a procesión da Virxe do Carme entre o Berbés, Bouzas e a Guía
A comunidade marítima e portuaria de Vigo celebrou a procesión do Carme na súa Ría, desde o Berbés ata a Guía pasando por Bouzas. Unhas vinte e cinco embarcacións acompañaron á Virxe do Carme, patroa do Mar e da Armada. Despois da procesión, xa en terra, diante do monólito do recordo, honraron aos mortos na mar.
A policía portuaria, ao completo, deixa a imaxe da Nosa Señora do Carme na proa do Colomba terceiro. A Virxe vén da Igrexa de San Francisco e de presidir a misa na lonxa de Vigo. Bucinas de ledicia e coa imaxe de mascarón de proa comeza a procesión onde uns piden e outros dan grazas.
"Agradécese a compaña nos temporais, nos malos momentos, e nesas esperas que están as familias cando os mariñeiros saen ao mar, agardando, porque son esperas fanse moi longas", relata a TVG Carlos Botana, o Presidente da Autoridade Portuaria.
"Agradécense os éxitos acadados e pídese internamente cada un polo que lle ten que pedir. É un día extraordinariamente emocionante", engade o Comandante naval Antonio Couce.
Para seguir a procesión no mar, a ofrenda floral onde todos os barcos rodean o Colomba terceiro, este sábado ao serán foi necesaria unha invitación.
As navieiras de pasaxe regular levaron moitos vigueses para os que o día do Carme ten un significado fondo. Desde traballadores do porto ata os canteiros da escola de Poio que están elaborando unha virxe de pedra para o porto.
E de novo a policía portuaria leva á súa Virxe. O punto final é o monólito ao recordo, a pedra que lembra os falecidos no mar.