Rescatan o cadáver do mariñeiro que caeu ao mar cando pescaba na súa embarcación en Bueu
O corpo foi atopado ao pouco de retomarse o dispositivo de busca na zona de Petís
Mergulladores Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil localizaron o corpo sen vida do mariñeiro de 71 anos que, na xornada do sábado, caeu da súa embarcación fronte á praia de Petís, en Bueu (Pontevedra).
Segundo confirmaron fontes do operativo, os labores de busca retomáronse este domingo e o corpo do home foi atopado na zona onde desapareceu.
"Despois de facer unha batida pola zona, apareceu moi próximo a esa demarcación", confirmaba Juan Miguel Ojén, un dos mergulladores
O servizo marítimo da Garda Civil trasladouno a terra.
A alerta saltou na xornada do sábado, sobre as 14:10 horas, cando a central do 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo de que unha persoa caera dunha embarcación.
"Cousas inexplicables, a poucos metros da casa e co mar en calma. Seguramente recibiu algún impacto nesas voltas porque era un bo nadador", lamenta o patrón maior da confraría de Bueu, Xosé Manuel Rosas.
Ata o lugar mobilizouse Gardacostas de Galicia, Salvamento Marítimo, o helicóptero Pesca I, a patrulleira Río Luna da Garda Civil. Alí, os efectivos localizaron a embarcación baleira.
Así o confirmaron fontes do dispositivo de busca posto en marcha na zona da praia de Petís.
Foran moitos veciños os que puideron ver envorcar a súa dorna e como o home tentaba subir a bordo. Puideron velo desaparecer, afundirse na auga, desde as praias urbanas da vila como Petís ou a Pescadoira. Era moi coñecido porque era un mariñeiro xubilado que pescaba adoito a pouco máis de 200 metros do paseo de Bueu. Chamábase Manuel Otero, coñecido como O Sardiña, e tiña 71 anos. Ao parecer, o finado ía xa de volta para comer na casa cando ocorreu o sinistro.