Rescatan un surfista arrastrado pola corrente na praia ferrolá de San Xurxo
Os bombeiros, cunha moto de auga, lograron trasladalo á beira onde foi atendido
Faltaban doce minutos para as tres da tarde cando saltaron as alarmas. Daquela, un surfista chamaba o 112 para dar conta de que un compañeiro seu estaba a ser arrastrado pola corrente mar a dentro nesta praia de San Xurxo.
"Inmediatamente coordinámonos con Salvamento Marítimo, que activou o Helimer, e nós saímos por terra cunha moto acuática ata a praia. Alí valoramos, por mor das condicións do mar, se meterse ou non. Finalmente fomos cara o surfista, malia que tardamos un tempo en localizalo porque as ondas o tapaban", explica Enrique Suárez, o xefe do parque de bombeiros de Ferrol.
Ata que non chegaron onde estaba, para poder socorrelo, o home, de mediana idade, conseguiu estar tranquilo en todo momento. E iso que no mar había un aviso amarelo por ondas.
"Estaba enriba da táboa e como levaba o traxe de neopreno aguantou bastante ben a calor. Collémolo a el, pero deixamos a táboa de surf. E trasladámolo á beira", engade Enrique Suárez.
Ao lugar tamén se desprazaron o servizo de Gardacostas, a Policía Nacional, a Garda Civil, Protección Civil e o 061 malia que, finalmente, non tiveron que intervir. En pouco máis dunha hora, o operativo deuse por finalizado.