Rescatan unha muller na Coruña que caera por accidente ao tellado dun edificio lindeiro
A muller precipitouse dende a ventá cando tentaba coller unhas tesoiras e caeu ao tellado dun sexto piso, na rúa San Diego
Unha muller de avanzada idade tivo que ser rescatada do tellado dun sexto piso na rúa San Diego, no barrio coruñés do Castrillón. Din os veciños que se precipitou ao tentar coller algo que lle caera pola ventá, no edificio lindeiro. Dende alí, berraba pedindo auxilio.
"O único que viamos era unha cabeciña asomando pola beira do tellado", di Laura Ferreiro, a veciña que a sentiu. "Eu pensaba que era unha terraza, nunca puiden imaxinar que era un tellado a dúas augas. Cando vin unha señora tan maior no tellado, non daba crédito", engade.
Deron a alarma e os servizos de emerxencia axiña despregraron un amplo operativo de rescate. A muller fora esvarando e conseguira frear cos pés contra o canlón da cornixa, ao bordo do tellado e a uns 20 metros de altura.
Pasou máis dunha hora ata que conseguiron baixala. A muller permaneceu consciente en todo momento, e foi trasladada ao CHUAC para un recoñecemento. Xa recibiu a alta médica.