Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cangas recupera a procesión marítima

Cangas recupera a procesión marítima

A Virxe do Carme volverá saír a navegar pola ría de Vigo grazas ao empeño dos mariñeiros
 

A procesión marítima do Carme en Cangas volverá saír este ano
G24.gal 08/07/2024 09:55

A Virxe do Carme volverá este ano sucar as augas da ría de Vigo, malia que moitos veciños aínda non o cren.

"Estamos así, non sabemos se a vai haber, se non a vai haber", comenta incrédula unha veciña.

O ano pasado non se puido celebrar a procesión marítima e non sentou moi ben na vila.

"Moi ben non sentou, porque houbo problemas, creo que co seguro para saír coa procesión, non sei este ano como arranxaron, que sei que vai saír", apunta outra.

Vai saír grazas ao empeño dun grupo de mariñeiros que colleron as rendas da asociación Farolillo, a encargada de sempre de organizala. O primeiro que fixeron foi un seguro de responsabilidade civil que non tivese cláusulas tan restritivas coma outros anos.

"Xa ían atrasados, outros anos tiveron problemas, pero conseguiron facelo. Pero o ano pasado non tiveron maneira e, claro, tamén estaban cinco ou seis persoas na asociación, e ao final quedaron dúas, e era moito traballo tamén para eles", informa Marcos Molanes, secretario da Asociación de Mariñeiros e Armadores Farolillo Rojo.

Agora son oito, aínda que contaron coa colaboración de moitos veciños.

"Portouse moi ben a xente de Cangas, asustáronnos os anteriores, pero o certo é que se portaron moi ben, tanto a xente como mariñeiros, como redeiras, como os pequenos comercios, a verdade é que non temos queixa", continúa.

O único escollo que non deron resolto foi poder dispor dun barco de transporte na ría para poder levar toda a xente que ese día se queira achegar a Cangas para acompañar en procesión a Virxe das xentes do mar.

"Que este ano se volva facer, pois a verdade é que estamos moi contentos, é unha noticia que nos gusta a todos, benefícianos a todos", conta unha señora.

Con Cangas confirmada, haberá procesión marítima do Carme nos tres portos do Morrazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade