A proposta para as cotas pesqueiras de 2023 aumenta o tope de pescada sur
A proposta para as cotas pesqueiras de 2023 aumenta o tope de pescada sur
Soben os topes para a pescada sur un 10 %; para o peixe sapo, un 12 %, e para o rapante do Cantábrico, un 33%
Baixan as cotas para cigala do Cantábrico un 36 %; o linguado, un 11%, e o abadexo, un 10 %
Armadores e confrarías galegas reciben con optimismo a proposta da Comisión Europea para as cotas pesqueiras do próximo ano. Sobre todo porque a suba dos topes afecta a especies esenciais para a nosa frota.
Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, explica que nas "especies máis importantes para a frota galega: pescada, peixe sapo e rapante, vaise producir unha suba moi importante o próximo ano".
Para Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, sorprende "a suba do 12 % no peixe sapo, cando nos últimos anos non conseguimos consumir nin a metade da cota. A suba da cota da pescada son boas novas".
A proposta tamén recolle reducións noutras especies pero con menor impacto. Otero recoñece que tamén lles preocupa "a proposta de TAC cero do xurelo, esperamos que se poida reverter".
Será en decembro cando se negocien as cotas definitivas para o 2023, pero o sector é optimista e confía en que mesmo se poidan mellorar algunhas dos topes propostos.