A Radio Galega alcanza o mellor dato de audiencia da súa historia
A Radio Galega alcanza o mellor dato de audiencia da súa historia
Con respecto á anterior onda, a Radio Galega incrementou a súa audiencia nun 58,4 % de luns a venres, con 83.000 novos oíntes
A radio pública de Galicia alcanza a mellor cifra de audiencia da súa historia con 225.000 oíntes diarios de luns a venres e 188.000 de luns a domingo, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios, publicada este xoves.
Con respecto á anterior onda, a Radio Galega incrementou a súa audiencia nun 58,4 % de luns a venres, con 83.000 novos oíntes. A suba no conxunto da semana foi do 55,4 por cento, é dicir, 67.000 persoas en termos absolutos. Con respecto á mesma onda de hai un ano, o incremento de luns a venres foi dun 80 %.
Radio Galega Música tamén experimentou un incremento de audiencia. Chegou aos 31.000 oíntes de luns a domingo, o cal supuxo un incremento do 3,3 %, e 28.000 de luns a domingo, cunha suba do 3,7 % con respecto á onda do mes de xullo. O grupo de emisoras da radio pública galega alcanzou a cifra histórica dos 253.000 oíntes diarios de luns a venres e a 219.000 de luns a domingo.
Cifras históricas durante as 24 horas
O programa Galicia por diante marca tamén a mellor cifra da súa historia, pasando de 92.000 a 150.000. En particular, o treito informativo, de Silvia Pereira, pasa de 41.000 a 101.000 oíntes, e o magazine presentado por Kiko Novoa alcanza os 97.000 oíntes.
Na fin de semana, o Galicia por diante, presentado por Luis Ojea no tramo informativo e por Victoria Rodríguez no magazine, é escoitado cada día por 20.000 persoas. As madrugadas do Pensando en ti, presentadas por Ricardo Saavedra, dobran os datos das últimas ondas ata alcanzar a cifra dos 75.000 oíntes diarios.
Na fin de semana, a edición de Marcial Mouzo tamén goza dos mellores datos da historia, con 55.000 oíntes. O programa A tarde, dirixido por Antón Rebollido, tamén obtén unha cifra histórica, con 37.000 oíntes cada tarde. O informativo A crónica chega cada día a 17.000 persoas na edición de mediodía, con Xosé Valiñas, e a 23.000 oíntes na edición do serán, con Xosé Luís López Vila, con cifras que colocan a radio pública galega como referente da información en Galicia.
No apartado deportivo, o programa Galicia en goles, dirixido por Xoán Galán, alcanza 41.000 persoas os sábados e 33.000 persoas os domingos, e consolídase como o espazo do deporte galego por excelencia. Pola semana, o programa de análise Ao contraataque, de Pedro Pablo Alonso, chega a 24.000 persoas cada día. No que atinxe á cultura, as tres edicións do Diario cultural tamén logran unha cifra histórica de seguimento por parte da audiencia, con 52.000 impactos diarios de luns a venres. A edición Zeta chega a 7.000 persoas nas fins de semana. Tamén no apartado da especialización xornalística, o programa Mar de ardora, dirixido por Xusto López Carril, alcanzou a cifra histórica dos 30.000 oíntes.