Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Real Academia Galega abre na Rede o Ano Luísa Villalta

A Real Academia Galega abre na Rede o Ano Luísa Villalta

A RAG dedica o Día das Letras á escritora coruñesa Luísa Villalta (1957-2004)

Ao sitio se irán incorporando novos contidos divulgativos ao longo do ano para públicos de distintas idades 

G24.gal 08/01/2024 12:57

A Real Academia Galega (RAG) abriu na Rede o Ano Luísa Villalta, coa posta en marcha na súa páxina web, academia.gal, da sección sobre a autora á que lle dedicará o próximo Día das Letras Galegas, coincidindo co vixésimo aniversario da súa morte aos 46 anos de idade.  

A académica de número Ana Romaní traza o retrato da escritora coruñesa e percorre a súa obra, marcada, segundo sinala, pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor e a coherencia intelectual e debuxada con matices propios e singulares no contexto de finais do século XX e os inicios do XXI.  

"Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismo e de carácter memorialístico. É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón", resume a poeta e xornalista, compañeira de xeración literaria da homenaxeada.  

Na tribuna de presentación do espazo, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, sinala que Villalta "sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, á vez que ofrece rexistros renovados e estimulantes".  

Ao sitio dedicado a Luisa Villalta (1957-2004) se irán incorporando novos contidos divulgativos ao longo do ano concibidos para públicos de distintas idades. Entre eles, como en edicións das Letras Galegas anteriores, incluirase unha serie web sobre a homenaxeada e o espazo para o público infantil Primavera das Letras.  

Este apartado recolle tamén na súa estrea recordos sobre a autora da súa nai e a súa irmá, María Gómez e Susana Villalta. "Ocorreu a traxedia dunha vida roubada pero tivemos a sorte de contar cos seus pensamentos e o seu traballo. Luísa achegou e seguirá achegando moito en todos os ámbitos da cultura. O coñecemento da súa obra é enriquecedor para nós e para as xeracións próximas", expresa Susana Villalta, que pon o acento na parte filosófica da súa escritura.

Música e literatura nunha autora singular

Ana Romaní recoñece a Luísa Villalta como unha escritora que se incardina no seu tempo e sempre atenta aos debates do momento no que viviu, pero destaca a capacidade que demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos.  "Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escritura fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade", resume nunha biografía que empeza cos versos que Villalta anotou no lateral dun almanaque da editora portuguesa Assírio&Alvim en xaneiro de 2004, semanas antes da súa morte debido a unha meninxite: "Escoito a voz / que me silencia: / comezo a expresar / o necesario".

"Os catro versos concentran algúns dos signos do orixinal alfabeto que codifica a indagación literaria da escritora. A voz e o silencio ecoan na súa procura de interseccións e cruces entre a poesía e a música; a expresión do necesario abre o espazo da paixón reflexiva na que se sostén a súa obra", define a académica.  

Luísa Villalta, titulada superior en violín, chegou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero, consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e Literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada.  

Con todo, a música nunca a abandonou e deixou unha profunda pegada na súa produción literaria desde os seus inicios, con títulos como a obra teatral Concerto para un home só (1989). Precisamente, tal e como destaca a biógrafa, Villalta cultivou a escritura teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos.  Estes dous xéneros conflúen noutro ensaio que demostra unha vez máis a profundidade intelectual da creadora, O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992).

Pero, a pesar dos títulos que deixou en ambos os campos e das súas incursións na narrativa con títulos como o seu único volume de relatos, Silencio, ensaiamos (1991) e as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001), a protagonista do próximo 17 de maio foi recoñecida ata o momento sobre todo como poeta.  

Coa celebración das Letras Galegas 2024, a Real Academia Galega espera que a súa obra sexa divulgada en toda a súa amplitude e que Luísa Villalta sexa recoñecida tamén polo gran público como a muller comprometida coa cultura e o país que foi.

Unha muller comprometida e crítica

"A inconformidade maniféstase en Luísa Villalta na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais do fin do milenio e é unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega", lembra Ana Romaní.   Da súa mirada crítica á sociedade en que lle tocou vivir dan boa conta os artigos de opinión d'A Nosa Terra, recollidos de forma póstuma no Libro das colunas, ou o póstumo O Papagaio (2006), en que lles puxo versos ás fotografías de Maribel Longueira que testemuñan o derrube en mans da especulación urbanística do barrio coruñés que lle dá nome ao volume, epicentro ata o momento do comercio sexual da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade